Tempo de esfolla e vendima na pequena escola de Tallo

La Voz CARBALLO / LA VOZ

PONTECESO

ANA GARCIA

Os alumnos puideron achegarse a estas dúas actividades tan ligadas ao tempo de outono

24 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Os nenos da escola de Tallo (Ponteceso), pertencente ao CRA Nosa Señora do Faro, puideron onte tomar contacto con dúas actividades vinculadas ao eido rural ben propias deste tempo: dun lado, a esfolla, e doutro, a vendima. Aínda que esta última non é moi habitual na comarca, o que quixeron foi dala a coñecer. No caso da esfolla, «que non se perda», como conta a titora do centro, Sara Varela Rama. «Ten sido un importante punto de encontro dos veciños», engade. Os ritmos foron cambiando, pero a comunidade educativa desta escola, implicando a veciños, avós e pais está decidida a mantela viva. Ata un picoto tiveron!

ANA GARCIA

Outros anos a actividade levábase a cabo en Brantuas, e reunía a alumnos dos nove centros do CRA, pero este ano, a causa da situación sanitaria, non puido ser así. En Tallo, pese a todo, fixeron o proceso completo: na vendima, dende as uvas colgadas, ata o traslado en cestos ou o pisado. Na esfolla, sacar a espiga e debullar. A maiores, había tamén onte no centro unha instalación artística efémera, modificada por cada un segundo a súa creatividade: a idea era chegar á arte a través de elementos naturais.

ANA GARCIA

Fotografía, música de Xabier Díaz, pan e uvas, con aportacións das familias, completaron unha xornada redonda. Son tarefas que ata teñen impregnado cantigas e, sendo Tallo, como non, tamén regueifas. A actividade desta escola estaba incluída no programa de traballo ao amparo do proxecto Voz Natura.