«Declárome absolutamente veciño emocional desa terra bergantiñá»

Patricia Blanco
PATRICIA BLANCO CARBALLO / LA VOZ

PONTECESO

ANA GARCÍA

ESENCIA FESTILETRAS | Xabier Díaz e a As Adufeiras de Salitre presentarán esta tarde no Couto, Ponteceso, o seu novo disco, «As catedrais silenciadas». Onte, a tarde foise con Sés e con Irma Macías

06 sep 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Nin sequera un día chegaron a durar as entradas para o concerto que Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre ofrecerán esta tarde para pechar o Esencia Festiletras do Couto (18.00 horas). Díaz estivo xa presente no festival do ano pasado, mais este será completamente diferente, e por varias cuestións. Farán, di, o que non puideron facer alá en marzo ou abril, que é a presentación do seu novo disco, As catedrais silenciadas. «Non puido ser na xira de teatros, así que o estamos presentando agora no verán», contaba onte. O groso da actuación desta tarde serán, pois, pezas novas. Hai que sorprender ao público do Couto, que ademais é ben fiel: «Este ano é todo máis novo ca nunca. A situación, as circunstancias. Levamos novidades por esa dobre vertente, a de ter un disco novo e a de ser un ano tan atípico». Están tocando, dende logo, moito menos do que viñan estando afeitos, así que cada concerto se colle pola súa parte con moitas ganas. Neste caso, aínda máis. «En Bergantiños, na Costa da Morte, saben ben que, aínda non sendo nativo, eu declárome absolutamente veciño emocional desa terra. Sempre que vou a Bergantiños vou con emoción, e neste caso coa idea de que a xente pase un rato agradable da música, no que por un momento nos desprendamos desta sensación de medo», valoraba Xabier.

Reflexiona con tino acerca do que está a supoñer o covid para a cultura, e sopesa que, obviamente, non é o mesmo dar controlado un encontro con 50 ou con 200 persoas: «O que lle pedimos á clase política é valentía, sempre que as circunstancias o permitan, por suposto. O que pedimos é que non se asimile a cultura ou os concertos a un tipo de ocio descontrolado». Nada máis lonxe ca iso é o que levan vendo nas actuacións ofrecidas ata o de agora, cun estrito protocolo sanitario respectado: «O que vemos é que é moito máis seguro estar dentro do recinto ca fóra». Precísase, di, sensatez por parte de todos. Máis alá de circunstancias excepcionais, como as que se están a vivir en Carballo ou A Laracha, que obrigan a tomar medidas, considera que non hai que incluír todas as actividades no mesmo saco.

O Bo e Xeneroso, esta tarde

A diferenza doutras edicións, e ao igual que ocorre cos premios Literatas, neste 2020 atípico non serán varios os galardoados cos premios Bos e Xenerosos, senón só unha persoa. O merecedor de tal galardón este ano resultou ser precisamente Xabier Díaz, encargado de despedir este Esencia Festiletras: «Un non sabe sé é merecente. Seguramente moita xente o mereza máis ca min, pero tómoo como un recoñecemento ao meu amor pola música tradicional e, por extensión, ao meu amor polo país. Creo que dalgunha maneira se define así o meu sentimento», explicaba onte. Hoxe recibirá o galardón de mans do presidente da Fundación Pondal, Lois García.

BASILIO BELLO

Irma Macías: «Cantar dáme a vida e con este Literatas síntome máis viva aínda»

A vimiancesa Irma Macías, voz de Luar na Lubre, recolleu onte no Couto o premio Literatas da man da regueifeira coristanquesa Lupe Blanco, outorgado pola Fundación Eduardo Pondal. Horas antes de recibir este galardón, Macías recoñecíase emocionada: «Faime toda a ilusión do mundo». Lembraba que nesta aldea e no Festiletras ten participado xa en diversas ocasións, sendo sempre moi ben recibida. Sente que, cada vez que acode ao Couto, entra nunha especie de «universo paralelo»: «Todo se transforma alí dentro. En cada recuncho respírase cultura, esencia do noso». Esencia Festiletras, que é como se denominou o encontro deste ano, adaptado a todas as circunstancias que impón o covid. Macías indica dende o mesmo minuto que se soubo nominada ao Literatas sentiu unha inmensa ledicia: «Son unha namorada da cultura galega en todas as súas vertentes e pensar que co meu pequeno facer puiden mover os corazóns de quen concede este premio... Para min é unha honra». Cantar é para Irma existir: «Cantar dáme a vida e con este premio Literatas síntome máis viva aínda».

BASILIO BELLO

Sés levou ao Couto o seu novo traballo, «Liberar as arterias»

María Xosé Silvar, Sés, volveu onte á súa terra bergantiñá para tomar parte na penúltima xornada deste Esencia Festiletras. Acudiu con novo traballo discográfico na man, Liberar as arterias, e cunha máis que cálida escollida, en tanto que as entradas estaban completamente esgotadas. Os concertos celébranse no Couto en espazos abertos, con aforo limitado e pasando o público por un estrito control hixiénico-sanitario.