Ciencia, poesía e música para experimentar no Couto: ¡Esencia Festiletras!

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

PONTECESO

Ana Garcia

Rapaces dende infantil a bacharelato gozan dos experimentos e reciben visitas puntuais: hoxe, Pakolas, Elena Ferro...

02 sep 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

«Reinventamos Festiciencia para adaptalo a este ano tan singular», daba conta onte David Ballesteros. Con varios cursos ao fronte das Aulas Científico-Tecnolóxicas Isidro Parga Pondal, di estar gozando estes días, dende o luns, cos diferentes obradoiros que se están a levar a cabo na aldea do Couto, en Ponteceso, como parte tamén do Esencia Festiletras. Neles participan rapaces que cursan dende infantil ata bacharelato, segmentados por idades e en grupos burbulla para evitar a rotación, unha das medidas precisas ante o covid.

Ana Garcia

De xeito paralelo a todos estes traballos, os pequenos reciben puntualmente visitas de científicos e profesionais doutros ramos, tal foi o caso onte da escritora Yolanda Castaño. É ben peculiar ver os espazos elixidos, porque son abertos, e sempre rurais, sempre na aldea: eiras, cruces de camiños... Era unha idea anterior ao covid, pero agora ten maior proveito aínda. A Yolanda tocoulle onte a Eira da Cantexa. Xurxo Mariño ou Ángel Carracedo pasarán en vindeiros días polo Couto. «Creo que se está a dar unha solución moi boa a esta situación», valora Ballesteros. É curioso ver estes persoeiros, por exemplo, en cabanotes: «Estamos moi contentos coa sensación. É bonito traballar ao aire libre, é algo que tiñamos quizais desaproveitado», sopesa. Conta que, sobre todo os máis pequenos, gozan facendo ciencia.

Vía streaming, venres

Aínda sendo este 2020 tan singular,: «Quixemos manter dalgún xeito a feira e todo o asociado a ela». Non poderá ser presencialmente, con moitos asistentes, polo que se todo sae segundo o previsto haberá o venres unha exposición vía streaming, a través das canles virtuais da Fundación Pondal. Deste xeito os rapaces poderán explicar en que traballaron estas xornadas, ciencia sempre de por medio. Festiciencia é posible grazas ao patrocinio da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (Fecyt) e da Secretaría Xeral de Política Lingüística, neste último caso a través dos Fondos de Proxectos Culturais Xacobeo 2021.

O programa para hoxe

Músico e compositor, guitarreiro e roqueiro, como el mesmo se define, un dos convidados deste mércores (12.00 horas, Eira de Rosende) será Paco Cerdeira, Pakolas. Ten, ademais, novo libro disco, Ramona Órbita. A dona do Tempo (editorial Galaxia, colección infantil Sonárbore). A acollida do anterior traballo non puido ser mellor e con este tamén teñen en marcha unha intensa xira. Pakolas non acudirá só ao Couto, senón con Laura Romero, autora das ilustracións da publicación. Será un grupo pechado o que poida disfrutar do rock e serano asemade aqueles que acudan, pola tarde, á sesión de artesanía con Elena Ferro, na Eira da Cantexa (18.00), e ao obradoiro de canto e pandeiro con Xulia Feixoo e Guillerme Ignacio (18.00, Eira de Rosende). Vai avanzado o Esencia Festiletras a base de ciencia, poesía, música e máis.