Mar e mariños no comezo do Esencia Festiletras

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

PONTECESO

BASILIO BELLO

Lucho Penabade e Xurxo Souto foron os primeros convidados desta cita coa cultura na aldea do Couto

01 sep 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

«Está moi ben o que fan no Couto, vese a aldea viva. Oxalá se fixese en 50.000 puntos máis de Galicia», valoraba onte Lucho Penabade, parte da compañía Os Quinquilláns. El foi un dos primeiros convidados do Esencia Festiletras organizado pola Fundación Eduardo Pondal. Penabade traballou a historia do cormelán Mourelle de la Rúa e, aínda que inicialmente lle dera consistencia a un monólogo, o que fixo finalmente foi adaptalo a un taller teatral cos máis novos no que non faltaron cancións nin coreografías. Foron, conta, «ráfagas» das vivencias deste home que, ao seu xuízo, é un personaxe que «merece unha popularización dalgunha maneira». Ao público chamáronlle a atención, sobre todo, as aventuras vividas por Mourelle en latitudes ben curiosas, mais tamén trataron, por exemplo, as súas orixes. Gondomil, a lenda da serpe... Penabade di que o guión que el ten feito daría para un desenvolvemento teatral en centros educativos, cun elenco de 13 ou máis persoas durante 45-50 minutos, así que o pon a disposición «para o que nun futuro se poida facer». Cre que ten certas similitudes con eses libros de iniciación de aventuras mariñas que tan ben son acollidos.

O Esencia Festiletras será un formato diferente ao que acostumaban no Couto, a causa da seguridade ante o covid: público limitado, todo en espazos abertos... «Hai que adaptarse: a partir de agora quizais non vaia haber actividades masivas, pero iso non significa que non se deban seguir facendo cousas», valoraba Penabade. Pon o exemplo das visitas teatralizadas que este verán levaron a cabo na comarca: «A xente adminístrase doutra maneira, non chega e se atopa coa representación, senón que hai que anotarse, e iso tamén lles daba uns dereitos: a ver a función sentados, sen ser interrompidos... A nivel de organización, case que se pode dicir que o covid nos trouxo algunhas leccións boas». Por iso valora que en lugares coma O Couto se siga apostando pola cultura, «pola imaxinería», por levar propostas non só para ver, senón tamén para participar.

BASILIO BELLO

Neste Esencia, todos os días traballan os pequenos cuestións científicas, poñéndoas en práctica con experimentos, como parte dun campamento e, puntualmente, en grupos pechados, sen rotación, acoden a propostas como a de Penabade ou, tamén onte, a de Xurxo Souto. Animouse a regueifar con Lupe Blanco («foi un gustazo», asegura ela), pero, sobre todo, expuxo a súa teoría sobre o mar e sobre a escasa presenza deste na educación. Co seu particular xeito de contar, deixou fluír historias recollidas e acontecidas ao logo da costa galega. Entre os espectadores, rapaces do campo de traballo Alí, Xaz.

Hoxe: Yolanda Castaño, X. L. Romero e Pepe Vaamonde

De cara á exposición que farán o venres, durante toda a xornada de hoxe os rapaces seguirán traballando cuestións científicas no Couto. Un grupo deles acudirá, ademais, á sesión de versos prevista para as 12.00 horas con Yolanda Castaño. Ela será unha das convidadas deste martes, ao igual que X. L. Romero e Pepe Vaamonde, que chegarán á aldea pontecesá con 24 instrumentos galegos. Os asistentes a esta sesión, incluida no ciclo Encrucilladas e prevista para as 18.00 horas, serán os integrantes da agrupación local Inllar.