García Carballido: «Fálase demasiado dos políticos e hai que falar máis dos cidadáns»

Antonio Longueira Vidal
TONI lONGUEIRA CARBALLO / LA VOZ

PONTECESO

BASILIO BELLO

«Non penso dimitir, manteño intacto o meu compromiso cos veciños», asegura o alcalde de Ponteceso 

02 ago 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O alcalde de Ponteceso, Lois García Carballido (1974, Narón), ofrece a súa versión sobre o que está a acontecer no grupo de goberno, despois de que cinco compañeiros do PSOE votaran a favor da moción de APIN-SON para rebaixarlle o soldo, decisión que provocou que solicitara o regreso ao IES Eduardo Pondal, onde imparte clases de inglés.

-Como se atopa?

-Fantástico, con máis ganas que nunca por traballar por Ponteceso. Nunca estiven máis animado por traballar polo meu Concello.

-Como se sinte despois da votación do pleno deste luns?

-Como xa anunciei, renunciei ao soldo e vou seguir de alcalde sen dedicación, como xa estivera no anterior mandato. Para min é un tema que está pechado.

-Que lle din dende a provincial?

-Teño o apoio total no proxecto que levamos a cabo para Ponteceso. De feito, acaban de nomearme membro da executiva provincial para que poida aportar a ese proxecto común que é o PSOE provincial. Iso é o reflexo dun traballo que levamos a cabo en Ponteceso, que pasou de ser un Concello problema a ser todo un exemplo, cun orzamento de récord na historia do Concello, con execución de proxectos, con promoción de emprego, turismo, cunha clara aposta polo polígono industrial de Tella...

-Que é o que máis lle molestou nos últimos días?

-Fálase demasiado dos políticos e hai que falar máis dos cidadáns, do que lles preocupa aos veciños, como é a pandemia, a económica, a creación dun escudo social en caso de perda de emprego, de peche de empresas e negocios... Basta xa de falar dos políticos. Aos veciños non lles importa o que cobra un político, o que queren é que lle resolvan os seus problemas.

-Síntese enganado por alguén en particular?

-Iso non importa. A ninguén lle importa o que sentes ou que deixas de sentir como político. O que lle ten que importar a un responsable público é o proxecto de futuro, os veciños, a xente. Non vou gastar un gramo de saliva nin vou perder un segundo do meu tempo en falar dos políticos. Temos un obxectivo común con Malpica, que é eliminar a peaxe da AG-55. Non é de recibo que unha empresa de Ponteceso pague 900 euros ao mes en peaxes. Así é imposible ser rendible. O noso obxectivo para este mandato e acadar a gratuidade da autoestrada.

-É compatible ser alcalde co de profesor no instituto?

-Require dun gran esforzo, pero o mesmo que fan outros alcaldes socialistas, como o de Miño, Valdoviño, Ares...

-Pensa dimitir?

-Non, manteño intacto o meu compromiso cos veciños. Eles e só eles confiaron de forma ampla, con oito dos trece concelleiros, que o Partido Socialista debe liderar este proxecto, un proxecto que vén dificultado por unha pandemia que deixará non só secuelas sanitarias, senón económicas e sociais.

-Que precisan os veciños?

-Se fai unha enquisa sobre as prioridades dos veciños, entre elas non se atopa o soldo dos políticos, senón o covid-19, a crise, o paro, o emprego, ter unha cobertura social... Temos un orzamento que acadará a final de ano os oito millóns de euros, a semana que vén haberá unha mesa de contratación para adxudicar varios proxectos... Dos millóns e medio de investimento, algo histórico. Mire, unha vez acadada unha estabilidade laboral e familiar quixen dar ese paso por mellorar a vida dos meus veciños. Se me metín en política foi porque quero a este Concello con loucura. E menos cando durmo só teño na cabeza tratar de resolver os seus problemas.

-Teme unha moción de censura?

-Non o sei. Nin me ocupa, nin tampouco me preocupa.