Natureza e divulgación en dúas citas literarias bergantiñás

La Voz CARBALLO / LA VOZ

PONTECESO

BASILIO BELLO

O Briño, en Cabana, e A Garga, en Ponteceso, acolleron sendas presentacións de monografías 

20 jul 2020 . Actualizado a las 15:01 h.

«No Briño conxúganse de maneira admirable os encantos da arte e da natureza», dixera Félix Neira aló polo mes de maio, durante a presentación virtual da que é a primeira monografía sobre un santuario bergantiñán, a súa obra «O santuario do Briño. Paraíso de arte e natureza en Cabana de Bergantiños». Aquelas palabras súas non puideron ter mellor exemplo que o vivido ao pé da ermida este sábado, cando os alí reunidos puideron apreciar xa a publicación en papel e mesmo levar un exemplar de agasallo. Nun día de altas temperaturas, fronte ao ateigado das praias, aquel espazo verde ofreceu un refuxio de frescura para achegarse ao coñecemento. A parroquia de Borneiro, dixo o autor, é «pequena en poboación, pero moi grande en patrimonio». El mesmo ten falado de «Santísima Trindade» que o santuario do Briño, xunto co dolmen Dombate e o castro A Cidá, constitúe neste entidade de poboación. Unha especie de «triángulo máxico». Dedicou á obra ao párroco, que lle facilitou a consulta de documentación, e agradeceu tamén a aqueles que colaboraron, xa fosen fontes, facilitadores de imaxes ou confirmadores dalgún dato.

Non estivo só o artífice desta monografía. Dende Dombate saíra previamente un paseo a pé ata o campo do Briño, guiado polo escritor Labarta Pose, encarnado por Lucho Penabade. Xa ao pé da capela, a escritora Natalia Lema presentou ao autor. Interviron, ademais, artistas con ligaduras a Borneiro: a voz de Luar na Lubre, Irma Macías; a poeta Matilde Vilariño, ou os músicos Perfecto Varela, Amancio e Eloy Mato.

BASILIO BELLO

Noutro espazo verde, en A Garga, Anllóns, Ponteceso, levábase a cabo, case á mesma hora do sábado, a presentación da publicación «O río Anllóns. Arteria principal de Bergantiños», unha obra do Instituto de Estudos Bergantiñás. Javier Couto, presentador do acto, deu a coñecer a entidade, o seu cometido, e tamén a importancia deste río, «columna vertebral do territorio». Antes da intervención do alcalde, Lois García Carballido, Ana Sánchez e Clara Amado ofreceron unha peza musical.

Lembrou o rexedor algunha colaboración anterior co Concello por parte do Instituto de Estudos, como o achegamento ás parroquias de Langueirón e Xornes. Xurxo Couto, deputado provincial, estivo presente nesta presentación na que interviron, como non, os autores da monografía: Fernando Cabeza Quiles, Evaristo Domínguez Rial, Xan Fernández Carrera, Antón García Losada e Luis Giadás Álvarez. Amado e Sánchez volveron intervir ao longo da sesión, na que houbo tempo para as preguntas do público. Ao igual que no Briño, vixiouse en todo momento que se cumprisen as medidas sanitarias artelladas a causa do covid-19.