Andaina baixo o plácido luar: Camiñar na noite de Ponteceso

PONTECESO

ANA GARCIA

Empezou o ciclo de saídas nocturnas organizadas pola área de Turismo para este verán

05 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha noite acompañados do ronco son dos rumorosos e baixo un plácido luar. Así foi a camiñada nocturna do venres organizada polo Concello de Ponteceso. Aforo limitado, por orde das autoridades. Só 25 persoas. Había moitas máis que querían participar, pero as limitacións administrativas impedírono porque o covid segue mandando.

A saída fíxose na praza do Recheo. Antes, Clara Amado interpretou o Aleluia de Cohen. Logo das instrucións de Javier Couto, técnico de Turismo, a comitiva emprendeu a marcha por diante do consistorio cada O Couto. A lúa chea e as lanternas permitían ir vendo a figura de Pondal nos menhires que marcan o val nativo.

No cabanote da fundación pondaliana, membros do grupo de gaitas Xa era hora recibiron ao grupo cunha peza. Tras unha breve parada para agradecer o esforzo dos músicos, continuou a marcha, só entorpecida en certa maneira polas máscaras que portaban os camiñantes e que dificultaban a respiración. Pasou o grupo por diante da cascada da Brixería e parou para escoitar o son da auga, mentres que Couto tamén falou de princesas encantadas.

A andaina, na que ían as concelleiras Raquel Fondo e Noelia Varela, seguiu por Cerezo, con breves explicacións diante da escola e o cruceiro. Ao chegar a San Vicenzo da Graña houbo parada para tomar un chocolate. Alí houbo un mosteiro, creado no 868, un dos primeiros de Galicia. Apenas quedan testemuñas. Logo os camiñantes seguiron ledos ata a praza do Recheo.