A narrativa infantil despega na comarca

Cristina Viu Gomila
Cristina Viu CARBALLO / LA VOZ

PONTECESO

BASILIO BELLO

Música e relato déronse cita na entrega dos galardóns do certame Contos de Nadal

22 dic 2019 . Actualizado a las 21:11 h.

É probable que Adrián Varela aínda non saiba o que é unha licenza poética, pero xa se tomou a primeira. A avoa do gañador do certame Contos de Nadal, que tódolos anos convocan La Voz de Galicia e Radio Voz Bergantiños para promover a narrativa entre os cativos, non se chama Lola, pero a el parecíalle que ese debía ser o nome da protagonista dunha historia que ben puido ocorrer na casa familiar de Leiloio. Así se fai a literatura, con ficcións que parecen reais ou con realidades que semellan inventadas como esas viaxes das sondas Voyager 1 e 2 das que falou o director de La Voz de Galicia, Xosé Luís Vilela, e que quedaron resumidas nun segundo, no tempo que empregan en percorrer 20 quilómetros ou o que dura o son dun bico, ese que vai nas cápsulas nun disco de ouro.

Ben podería telo Clara Amado, que deu un recital de paixón pola música nun recinto que é paixón pola pintura e a escultura.

A entrega onte dos premios do concurso foi un compendio, unha enciclopedia das artes. Celebrouse no inesperado, por estar en Corme, Museo de Arte Contemporánea da Costa da Morte, coa presenza de dez cativos amantes da escritura, da voz doce dunha rapaza de Ponteceso e entre obras da Fundación Torre Pujales. Tamén houbo políticos, alcaldes e alcaldesas tan preto dos seus veciños que viviron os triunfos dos seus nenos como se fosen parte das súas familias. Que mellor no Nadal!

Abriu o acto o anfitrión. Lois García Carballido agradeceu a presenza de todos en Ponteceso e botou man do seu pasado recente de mestre para achegarse aos protagonistas da xornada. Atrás del foi Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, quen destacou a «creatividade de toda a comarca» e a capacidade dos escolares de «imaxinar mundos».

Valentín González Formoso, presidente da Deputación, falou do privilexio de dirixir unha provincia na que a Costa da Morte mantén «esa bandeira cultural».

Pechou Xosé Luís Vilela, o director de La Voz de Galicia, quen dixo que estes Contos de Nadal que 157 rapaces da comarca pensaron e escribiron son un «feito importante para o xornal, como o demostra a dobre páxina que dedicamos ás novas estrelas da comunicación e da literatura».

E tamén estiveron pais emocionados, avós máis emocionados aínda, irmáns inquedos e as mulleres do padroado da Fundación Torre Pujales, garantes dun museo que agora é municipal e que sorprendeu a todos os que non o coñecían. Guiaron unha visita polas instalacións, cunha exposición temporal do artista local Santi Collazo, e aproveitaron para tentar a Juan Rey, representante de EDP Renovaveis, para que a empresa que leva o parque eólico de Corme estea aínda máis presente na cultura, na que ten un papel fundamental, tamén nestes Contos de Nadal do que é patrocinadora.

O acto foi presentado por Fran Rodríguez, de Radio Voz Bergantiños, que botou man de toda a súa experiencia para que acto fora formal, pero non ríxido.

Pero o máis importante foron os nenos, algo nerviosos e algo emocionados. Sorprendidos na súa idade pequena e autores, os dez, de historias marabillosas.