Roberto Vidal: «É a mellor semana do ano en Corme»

Marta López CARBALLO / LA VOZ

PONTECESO

Ana Garcia

Uns 30 percebeiros baixarán esta mañá ao Roncudo tras varios meses de peche como anticipo a unha nova edición da Festa do Percebe

03 jul 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Roberto Vidal naceu apenas cinco anos antes que a Festa do Percebe de Corme. «Imaxina, para mín estivo sempre aí», di o patrón maior de Corme e presidente da entidade encargada de promover o percebe do Roncudo. Nesta fin de semana celebrarán unha nova edición da festa gastronómica que cada ano atrae a milleiros de persoas á localidade. «Tódolos anos está indo cara arriba», di Vidal, e non só a festa, senón tamén a venda do marisco máis prezado da costa. «É unha semana dura», confesa, pero o traballo ben paga a pena: «É a mellor semana do ano para mín, xunto co Nadal». Hoxe, ademais, abre de novo O Roncudo para que os trinta percebeiros de Corme baixen a por produto.

-Despois de varios meses, hoxe volverán faenar no Roncudo.

-A verdade é que estamos ansiosos, porque quedou bastante percebe dende o inverno e agardamos que sexan bos días.

-O tempo, porén, quizais non os acompañe demasiado.

-En principio marca algo de nordés, pero o Roncudo está bastante abrigado deses ventos, sobre todo dentro da ría, polo que o mar estará perfecto para a faena.

-Como foi a campaña de Nadal?

-Boa en canto a prezos, pero non puidemos traballar demasiado e, por tanto, ofrecer produto da calidade do Roncudo. As mareas non acompañaron -eran moi cedo ou moi tarde, e tamén tivemos mareas mortas- e fixo moi mal tempo. Non puidemos traballar a gusto, e por iso decidimos cambiar para outra zona por fin de ano, aproximadamente. Por abaixo quedou bastante percebe que, a estas alturas, debería ter moi boa calidade.

-Cantos quilos prepararán de cara á festa deste sábado?

-Nestes anos cociñáronse arredor dos mil quilos, e nós, que afrontamos a nosa primeira festa na directiva, faremos máis ou menos a mesma cantidade.

-Este ano o pregón correrá a cargo de Salvamento Marítimo.

-Levaba un tempo vendo vídeos de rescates que fixeron a algún que outro compañeiro percebeiro, así que propúxeno nunha reunión da confraría e estiveron todos dacordo. E non só queremos recoñecer os rescates que fan de percebeiros, senón todos os demais: ante todo somos mariñeiros. Na maioría dos casos, moitos sobreviventes non o serían se non fose pola súa intervención. Despois de elixilos como pregoeiros visiteinos na súa base e foi cando soubemos de todos os problemas que están a ter cos recortes, polo que dende a confraría de Corme decidimos darlles o noso apoio e poñernos en contacto coas federacións para axudarlles como poidamos.

-Non é cousa menor.

-Aféctanos a todos por igual. Todos temos veciños ou amigos que foron rescatados, e outros tantos que non puideron sacalos con vida.

-Degustacións, simulacro, pregón... Pero tamén moita música.

-Si, teremos bastante variedade. Haberá dúas charangas, un trío mentres se deguste o percebe e máis tarde xa comezará a Mega CDC e outra discoteca móbil noutro punto da vila. Á noite tamén teremos música en directo cun grupo de Miranda del Ebro que se está facendo bastante coñecido a nivel nacional e que ata din que lle está pisando os talóns a La Pegatina. Chámanse La Regadera. Así tamén ofrecemos algo distinto con música en directo, máis aló dos DJ que hai sempre.

-Tamén é importante coidar aspectos como a seguridade.

-Tivemos varias reunións coa Garda Civil e co Concello, que será quen se encargue do dispositivo. Por parte da confraría, e en colaboración co executivo, contrataranse entre catro e seis gardas de seguridade para patrullar por toda a festa.

Para non perder detalle: o programa

12.00. Misa na honra de mariñeiros e percebeiros, cantada pola Coral Brisas do Mar de Corme.

12.00. Comeza a cocción e venda de tiques para a degustación.

12.30. Pasarrúas con Os Kilomberos de Monte Alto e tamén coa Charanga DGT.

13.00. Inauguración e pregón a cargo do equipo de rescate do helicóptero de Salvamento Marítimo. Se no hai imprevistos, o Helimer 401 realizará un simulacro ao finalizar, sobre as 13.30 horas.

13.30-14.00. Comeza o reparto do percebe na carpa. Durante a degustación actuará o grupo Karma. Na Ribeira estará a disco móbil M Music e na zona portuaria actuará a discoteca CDC e dará un concerto o grupo La Regadera.

El PAC de Ponteceso pide refuerzos de cara a la celebración

Personal del PAC de Ponteceso denuncia que la petición de refuerzos de cara a la Festa do Percebe no ha obtenido respuesta. Aseguran que durante todo el año solo hay un equipo, que debe dar cobertura a unos 13.000 habitantes y a veces realizar desplazamientos a domicilio de hasta media hora. También piden un plan de emergencias al Concello para evitar que se repitan «esas imágenes de ambulancias obstaculizadas a su paso».