As Festiletras empoderan á muller nunha nova edición de Literatas

P. B. M. CARBALLO / LA VOZ

PONTECESO

Lupe Blanco e Natalia Lema foron as homenaxeadas neste 2019. O encontro deveu cumprido en experiencias

18 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Dende o espírito reivindicativo de Viki Rivadulla ata a forza da oleira Carmen Isabel Labrador ou o sorriso co que as redeiras de Corme contaron como foron as súas primeiras colaboracións con Loewe e Vogue. Iso, pasando pola «referencia de futuro» que marcou a escritora vimiancesa Natalia Lema coas súas palabras sobre o rural ou pola nova cara que puideron ver os presentes da regueifeira Lupe Blanco. Un rostro emocionado.

A de onte, nas Festiletras do Couto, foi xornada de Literatas, o encontro de mulleres ao que tamén se uniron empresarias locais co fin, todas elas, de compartir experiencias. «Todas saímos coa autoestima un pouco mellor, con menos medo, menos barreiras», conta Tamara Lema, patroa da Fundación Pondal e artífice deste panel de experiencias que, aínda novo en traxectoria -van tres edicións-, xa ten devido un acontecemento especial de posta en común, algo onte alimentado co coñecemento do proxecto universitario Woman Emprende. As protagonistas de onte, ademais desa unión forxada entre mulleres, foron Lupe Blanco e Natalia Lema, que recibiron cadanseu galardón.

BASILIO BELLO

Para a escritora foi un 17 de maio de ledicia, en tanto que, ademais do Literatas, foille comunicada tamén a concesión do primeiro premio de poesía Avelino Díaz, en Lugo, na categoría de adultos. Acadouno coa súa proposta Ninguén sabe o que calan os amantes. A voz de Clara Amado e as gaiteiras de Inllar déronlle aínda máis emoción á velada, algo ao que tamén contribuíu a ofrenda floral a Eduarda Pondal. A esta acudiu, ademais, a secretaria xeral de Igualdade, Susana López, quen avogou por impulsar a igualdade entre homes e mulleres nos ámbitos literario e cultural, especialmente no medio rural.