As Festiletras ábrense de novo á ciencia nun día de convivencia escolar

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

PONTECESO

BASILIO BELLO

A segunda edición de Festiciencia reunirá escolares da comarca e de fóra dela

15 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Se as Festiletras do Couto son xa de por sí un centro de peregrinación para estudantes da contorna, ese carácter divulgativo acadará hoxe a súa máxima expresión coa celebración da segunda edición de Festiciencia. Iniciativa da Fundación Eduardo Pondal, coa colaboración da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, así como da Deputación da Coruña, vén a ser unha feira científica -a primeira da Costa da Morte, nacida no 2018- que pretende reunir a estudantes da Costa da Morte, aqueles chegados de centros con Clube Científico.

Ciencia e convivencia son os dous eixes desta xornada que, á fin, ten como obxectivo o impulsar as vocacións e as curiosidades pola ciencia nesta comarca. Transcende máis alá, de feito, en tanto que hoxe achegaranse ata O Couto para Festiciencia escolares do colexio Eduardo Pondal (Ponteceso), instituto Eduardo Pondal (Ponteceso), instituto Urbano Lugrís (Malpica), instituto Fin do Camiño (Fisterra), CPI O Cruce (Cerceda), colexio Ponte dos Brozos (Arteixo) e instituto Agra de Raíces (Cee).

Un amplo equipo de voluntariado encargarse de estar pendente de cada detalle, tanto na carpa de exposición de propostas e experiencias como no tocante aos centros visitantes. Dende primeira hora da mañá ata iso das sete da tarde, cando está prevista a recollida de estands e o regreso ao punto de partida, sucederanse as actividades e tamén as sesións divulgativas, a primeira delas a cargo de David Ballesteros (11.00 horas), director das pioneiras Aulas Científico-Tecnolóxicas Isidro Parga Pondal. Haberá tempo, tamén, para a animación, de aí a intervención, ás 12.30 horas, de Paco Nogueiras e o seu Radio Bule-Bule.

Xornada Lingua de Ouro, onte, na sede da Fundación
Xornada Lingua de Ouro, onte, na sede da Fundación BASILIO BELLO

Festiciencia inclúe unha serie de obradoiros polos que irán rotando os escolares, de xeito que todos os centros poidan coñecer, na súa quenda, os segredos da oceanografía, a cartografía, dos drons, dos xogos tradicionais ou do Areeiro Ar.

Así, logo da montaxe das experiencias, comezará ás 11.00 este peregrinar pola aprendizaxe. Haberá unha parada para o xantar e seguirá despois das 15.30. Un chocolate científico ben especial, compartido polo investigador Ángel Carracedo, marcará un alto na xornada, as seis. Festiciencia será a protagonista das Festiletras, se ben non hai que esquecer outras propostas distintas, como a poesía con Manuel Lourenzo, o achegamento á ornitoloxía con José Luís Rabuñal ou o sentimento musical con Rosa Cedrón e Emilio Rúa. Semella, pois, outra xornada especial, logo de momentos que tamén o foron como a intervención do contador Celso Fernández: levou unha morea de aplausos.

XOAN A. SOLER

O programa para hoxe

Sede da Fundación. Festiciencia, pola mañá. Encontro de alumnado e docentes vencellados a clubs de ciencia. Sucesión de talleres e actuación de Paco Nogueiras (Radio Bule-Bule).

Carpa central. Café científico con Ángel Carracedo. O xenetista e investigador xalleiro volve visitar O Couto para compartir o seu saber cos rapaces: 18.00 horas.

Sede da Fundación. A partir das 20.00. Recital a cargo de Manuel Lourenzo, coa presenza do ornitólogo José Luis Rabuñal. Concerto de Rosa Cedrón e de Emilio Rúa.