As 37.ª Festiletras espallan o espírito literario entre os mozos

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

PONTECESO

ANA GARCIA

LETRAS GALEGAS 2019 | O galego e o proceso normalizador centrarán a mañá de hoxe no Couto, en Ponteceso

14 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

As Festiletras do Couto levan 37 anos abrindo camiños e tratando de deixar en herdanza o saber dos máis veteranos para aqueles máis novos. Son a clave do futuro, os homes e mulleres do mañá. Onte, segundo día desta celebración das Letras en Ponteceso, foron os rapaces os protagonistas da mañá, tomando parte alumnos do IES Eduardo Pondal nos talleres literarios ofrecidos por Fina Casalderrey e Víctor Freixanes, ambos académicos.

«Se tivésemos máis tempo e estivésemos máis preto, igual poderiamos ter un obradoiro máis continuado», díxolles o presidente da Real Academia Galega aos asistentes: «As almas deste obradoiro van ser as vosas profesoras». Convidounos a elaborar os seus textos, a facerllos chegar e deixoulles a idea dunha selección de «catro, cinco, tres ou media ducia» cos que logo facer unha sección literaria na Academia e unha visita a esta institución. Tanto el coma Casalderrey deron claves para contar o mundo: a través de feitos, de maxia...

ANA GARCIA

Celso Fernández, outro dos convidados das Festiletras de onte, volverá ter hoxe presenza no Couto, en tanto que esta mañá chegará ao seu fin, alí, a primeira edición do programa Malas linguas: activando falantes para o século XXI, un proxecto da Deputación. Farao coa xornada Lingua de Ouro, na que tomarán parte persoal técnico de Normalización e todas aquelas persoas que queiran sumarse a esta reflexión colectiva sobre os prexuízos e as violencias no uso do galego. A idea é buscar camiños de traballo en común. Haberá, dende as 10.00, unha mesa de debate co título de Voces poéticas para a normalización lingüística, coa regueifeira Alba María; o contador Celso Fernández e Dores Tembrás (Apiario Editora). Ás 12.00 presentarase a publicación Malas Linguas e ás 12.30 chegará, pois, a posta en común de ideas.

 A programación para hoxe

O Couto (Ponteceso).  Festiletras. De 09.30 a 14.30, na sede de fundación Eduardo Pondal, xornada «Malas Linguas»: lingua de ouro e normalización. Paralelamente, de 10.00 a 11.30 horas, na Casa dos Veciños, talleres para os máis novos a cargo do Centro Galego de Arte Contemporánea. De novo na sede da Fundación, a partir das oito da tarde, presentarase o libro-disco ilustrado «Pondaliana», unha iniciativa da Mesa pola Normalización Lingüística e da Asociación Socio-Pedagóxica Galega. Finalmente, Su Garrido Pombo, premio Narf da Deputación 2018, ofrecerá un concerto.

Zas. Maio das Letras. Xornada intensa onte nos centros educativos deste municipio, con dúas sesión de Polo Correo do Vento, unha con Feminino Plural e o Concerto de Zënzar. Hoxe, ás 12.30 horas, visitará o colexio Labarta Pose de Baio Magín Blanco: farao co seu traballo «Camiños».