Os Premios Bos e Xenerosos botan a andar a 37.ª edición das Festiletras

Patricia Blanco
Patricia blanco CARBALLO / LA VOZ

PONTECESO

JOSE MANUEL CASAL

Rosario Álvarez, Miguel de Lira, Carlos Blanco e Isabel Aguirre reciben hoxe os galardóns

12 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Chegou o día. As Festiletras do Couto, en Ponteceso, levan 37 anos abrindo camiños, da man inicialmente da asociación cultural Monte Branco e, agora, tamén da Fundación Eduardo Pondal. O programa desta celebración única das Letras Galegas, que se prolongará oito días, botará a andar nesta mañá de domingo coa entrega dos Premios Bos e Xenerosos 2019, sendo merecedores deles Rosario Álvarez, Isabel Aguirre, Miguel de Lira e Carlos Blanco.

Muller comprometida coa lingua, coa cultura, académica e actualmente presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez maniféstase ben contenta: «Recibo o galardón sorprendida, coma sempre que alguén ofrece un recoñecemento no que un nin sequera sabía que estaba na quiniela [ri]. É unha satisfacción recibilo dunha fundación como a Pondal, non só polo ilustre do nome, senón porque é un modelo de asociación activa na comarca». Xa sexa a través da Academia Galega ou do CCG, ten colaborado coa entidade, «moi entregada non só á causa da lingua e a cultura de Galicia senón tamén a crear cultura no rural, esforzándose por manter esa actividade e implicando a moitas idades. É un espazo entrañable, un espazo habitado por unha multitude», asegura Álvarez.

BASILIO BELLO

Ten coñecido os Bos e Xenerosos por sérenlle entregados a rostros queridos, e gaba do galardón a súa sensibilidade, porque é máis ca un título individual, é un recoñecemento a eidos da cultura: «Ninguén é capaz, só, de facer un palleiro. Detrás dunha persoa hai un colectivo. Este é un recoñecemento que se singulariza, pero que realmente é plural». Ao fronte do CCG mantén unha vontade aperturista, coa idea de ir chegando ás máis diversas entidades, un camiño longo: «Demos xa bastantes pasos, e con moi boa acollida. Cando fomos convocando representantes de colectivos, todos celebraron a posibilidade de sentárense xuntos arredor dunha mesa, non só para dialogar connosco, senón para dialogar entre eles. A cohesión do tecido cultural sempre é algo positivo», conta Rosario.

Palabras similares para a organización ten o actor Miguel de Lira, que prefire reservar para este día a súa intervención, a emoción: «Sorpréndeme o premio porque eu son bo e xeneroso a partes iguais que malo e egoísta [ri]. Un premio así dáche a responsabilidade de selo [bo e xeneroso] o resto do ano. Vén dun colectivo sociocultural activo e xeneroso. Eles e elas si fan un bo traballo para a construción da comarca na que se sitúan, sendo un modelo a espallar polo resto do país. É un traballo de todo o ano que culmina agora nas Festiletras, a puntiña do iceberg». De Lira mesmo poderá rememorar o paso por Ponteceso, hai 25 anos, con Máquina Total. Tamén, o fenómeno Mareas Vivas, serie que vén de cumprir dous decenios: «Levamos os dous as mareas vivas na mochila», di De Lira sobre Carlos Blanco, outro dos premiados.

monica ferreiros

Sumido nunha enorme actividade -como a rodaxe dun filme con Dani de La Torre ou a estrea con Touriñán en Vilalba, este pasado venres, de Unha noite na praia, unha comedia teatral de Javier Veiga-, o actor e humorista Carlos Blanco lembra estreas no Couto hai xa uns trinta anos: «Estiven tantas veces aí... Vin medrar esta festa. Son moitos anos, moitas vivencias», confesa.

Todos falan dunha emoción particular, e tamén así o fai Isabel Aguirre, arquitecta, posuidora do Premio de Ciencia María Josefa Wonenburguer ou do Nacional de Arquitectura no 1997. É directora da Escola Galega da Paisaxe: «Estou moi agradecida. Este é un premio fermoso que me alegrou moitísimo».

ANA GARCIA

Os catro Bos e Xenerosos van poder estar este domingo na sede da Fundación Pondal, onde tantas paradas teñen feito dun xeito ou outro. Mesmamente esta Escola, coa que se levou a cabo un obradoiro dirixido polo profesor José Fariña do que saíron, di Aguirre, «moitas propostas para mellorar a contorna, para poñela en valor e dinamizala. Ten moitas posibilidades».

O programa da xornada

Na sede da Fundación

  • 12.30 horas. Chegada de autoridades e homenaxeados á sede da Fundación Pondal, onde serán recibidos polo Padroado.

Igrexa parroquial

  • 12.35 horas. Ofrenda floral no monólito situado no exterior da igrexa, en memoria de Pondal. Acompaña a banda Inllar.

Sede da fundación

  • 12.40 horas. Autoridades, homenaxeados e veciños entran ao salón de actos da Fundación, precedidos pola banda Inllar e polos actores que representan a Rosalía, Curros e Pondal.
  • 12.45 horas. Lembranza a Neira Vilas, con Uxía Varela e Alba Costa. Acto de entrega dos premios Bos e Xenerosos 2019 a Isabel Aguirre, Carlos Blanco, Rosario Álvarez e Miguel de Lira.
  • 13.20 horas. «O voo da pomba», actuación de Rodrigo Romaní.
  • Todo o día. Dende hoxe ata o 19 de maio. Exposición «O valor do perdido», de Peter Kramer. Tributo, tamén, a Paco Souto, poeta e percebeiro falecido.

Casa dos veciños

  • 18.00. Presentación de Literatas 2019, un dos eixos da xornada grande, a do 17 de maio. Actuación do dúo Caamaño-Ameixeiras, así como de Marisa Valle Roso e Irma Macías.