«Foron anos difíciles, pero conseguimos estabilidade»

f. rodríguez / p. blanco CARBALLO / LA VOZ

PONTECESO

Manuel Rial

A CARREIRA ELECTORAL | Fixación de poboación, emprego, pequeno comercio e sanidade son asuntos capitais para o grupo nacionalista de Ponteceso. Fala Carlos Penedo

06 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Segunda ocasión na que Carlos Penedo Casmartiño (1956) concorre á alcaldía de Ponteceso polo BNG, como fixera no 2015. Actualmente concelleiro de Educación, Asociacionismo e Patrimonio, logo de formar goberno xunto con APIN e co PSOE, tamén el pasou polos micrófonos de Radio Voz Bergantiños para presentar os trazos básicos do seu programa e para responder ao cuestionario que se lle fai a todos os alcaldables.

-Obtivo o BNG un edil nas pasadas eleccións. Que obxectivos teñen para estas?

-O obxectivo é subir o apoio dos veciños e veciñas, evidentemente. Conseguimos un concelleiro, e queremos mellorar.

-Forma parte do actual goberno tripartito en Ponteceso. Como ve a situación política no seu municipio?

-Foron catro anos difíciles, a dicir verdade. Atopámonos un Concello arruinado e logo cunha serie de problemas coa xente que traballa nel. Tamén a nosa propia convivencia, no goberno, tivo os seus altos e baixos. Non obstante, agora mesmo, estamos moi satisfeitos, o BNG e mais eu, de ter conseguido unha estabilidade durante catro anos. As nosas áreas de goberno traballámolas con intensidade e é coñecido polos veciños e veciñas o que fixemos. En definitiva, valoro positivamente este período.

-Que destacaría do programa electoral que levan para estes comicios?

-Na Costa da Morte temos un problema, a fixación de poboación. Recuperaremos postos de traballo para a mocidade, por exemplo, no sector primario e industrial. Levamos un plan para persoas emprendedoras e para a reactivación do pequeno comercio. É nisto no que queremos centrar o noso traballo en promoción económica. Despois, en sanidade, poñeremos énfase no centro de día, un asunto no que xa traballou tamén a concelleira Isabel Vuelta. Precisamos ademais no PAC un médico de apoio no servizo de urxencias, así como evitar que se perdan prazas, por exemplo, de enfermaría. É moi importante para nós todo isto: temos unha poboación envellecida, pero non contamos nin cun centro de día nin cunha residencia. Aí si que dende o BNG faremos un esforzo grande por conseguir unha destas infraestruturas.

A favor / en contra

  • Cadea perpetua revisable: En contra
  • Aborto: A favor
  • Investigados nas listas: Non, por favor, en contra
  • Traslado de restos de Franco: A favor diso, e do desenvolvemento da Lei da Memoria Histórica
  • Referendo Cataluña: A favor
  • Acollida de refuxiados: A favor
  • Eutanasia: A favor
  • Cambio lei violencia xénero: En contra
  • Prohibición fumar praias e piscinas: Non son fumador... Direi a favor.
  • Casco urbano a 30 km/h: A favor

Preferencias

  • A que hora se ergue? Sete menos dez da mañá
  • Que almorza? Dúas pezas de froita, dúas tostas con marmelada e un té
  • Prato preferido: Varios, pero digo berenxenas ao forno
  • Que non comería? Non coñezo ningún prato que non se poida comer [ri]
  • Bebida preferida: Cervexa
  • Equipo de fútbol: Estou desligado por completo
  • Que coche ten? Un Fiat Punto
  • Unha afección: O contacto coa natureza
  • Un lugar: Ponteceso, sen dúbida
  • Que tarefas de fogar realiza? Metade e metade, repartímonos

Artes e letras

  • Escritor favorito: Miguel Anxo Mato Fondo
  • Último libro que leu: Asja, de Roser Amills
  • Última película que viu: Campeones, encantoume
  • Un artista: Maruja Mallo
  • Un actor: Luís Tosar
  • Unha actriz: Mabel Rivera
  • Un cantante: MJ Pérez, veu a Ponteceso, ¡e estou totalmente con ela!
  • Tipo de música: Toda a que sexa en galego vaime ben
  • Deporte que practica: Nada, estou totalmente fóra da práctica deportiva [ri]
  • Unha viaxe pendente:  Inglaterra, Escocia, Irlanda, Gales

A lista

1. Carlos Penedo Casmartiño

2. Lucía Veciño Souto

3. Eloy Vidal Varela

4. José Luis Varela Vidal

5. Fátima Á. Rodríguez Gonzálvez

6. Juan José Bermúdez García

7. Aldara Varela Collazo

8. Paula Cousillas Pena

9. Fernando Rivera Pose

10. Erika Calvo Rivera

11. Miguel Pose Amado

12. Sandra María Souto Gómez

13. Manuel Varela Domínguez

Suplentes

1. José Souto Rivera

2. María Claudia Quintela Misa

3. Bryan Martínez Oanes