Conta atrás: unha semana para as Festiletras do Couto, en Ponteceso

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

PONTECESO

Do 12 ao 19 de maio, a aldea do Couto acollerá a meirande celebración das Letras Galegas: consulta aquí o programa, día a día

05 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Os máis grandes referentes da cultura galega pasarán na vindeira semana polas Festiletras de Couto. Comezou a conta atrás para a 37.ª edición deste encontro: quizais non haxa aldea en Europa con esta singularidade. Tampouco en Galicia, ben seguro, ningún caso semellante para celebrar cun programa así, e durante oito días (do domingo 12 ao domingo 19), as Letras Galegas. Artistas do máis diverso (de Mercedes Peón a Xabier Díaz, Ezetaerre, Terbutalina, Marisa Valle Roso ou Irma Macías), do aquí e do acolá; creadores da palabra; científicos da talla de Ángel Carracedo, rutas,... De fondo, sempre a vista posta en Eduardo Pondal, e nas xentes do entorno. Tamén nos máis novos, que son os que han de quedar co legado do futuro: máis dun milleiro de rapaces pasarán polo Couto nesas xornadas, particularmente especial a da Festiciencia (día 15).

A asociación Monte Branco e a Fundación Eduardo Pondal asumen a organización desta festa literaria que, dende hai case corenta anos, vén abrindo camiños para achegar ao rural un amplísimo programa. Xunta, Deputación da Coruña, Real Academia Galega, CGAC ou Consello da Cultura Galega achegan da súa parte un respaldo, tanto economicamente como con medios e servizos.

Serán oito días de aprendizaxe constante, empapados de cultura e de lingua, con citas xa tan asentadas como a Feira de Artesanía ou con outras máis recentes, pero de enorme calado, como son as Literatas ou o encontro de Aldeas Singulares. Aldeas que, en definitiva, fan un país de seu.

O programa, en detalle

Domingo 12 de maio

  • Ofrenda floral: Ás 12.15, na igrexa parroquial. Actúa a banda Inllar. Lembranza a Xosé Neira Vilas, coa voz de Alba Costa.
  • Premios Bos e Xenerosos: Entrega dos galardóns deste 2019, que recaen en Isabel Aguirre, Miguel de Lira, Rosario Álvarez e Carlos Blanco.
  • Rodrigo Romaní: Ás 13.00 horas, na sede da Fundación, Romaní ofrece «O voo da pomba».
  • Literatas 2019: Presentación das Literatas deste ano, coa actuación do dúo Caamaño-Ameixeiras, Marisa Valle Roso e Irma Macías.

José Manuel Casal

Luns 13 de maio

  • Obradoiros de literatura: Pola mañá, na sede da Fundación. Con Marilar Aleixandre, Fina Casalderrey e Víctor Freixanes, académicos todos.
  • Clase maxistral de xoiería: Das 17.00 horas en adiante, con Carla Canedo Martínez, gañadora do 12.º Certame de Artesanía Antón Fraguas convocado pola Deputación da Coruña. Unha oportunidade para coñecer a teoría, mais tamén a práctica.
  • Contada de Celso Fernández: Non hai persoa gustosa dos contos que non quede pampa co xeito de narrar de Celso Fernández Sanmartín: ás 20.00 horas, na sede da Fundación.

JOSE MANUEL CASAL

Martes 14 de maio

  • Xornada «Malas linguas»: Durante toda a mañá, entre as 09.30 e as 14.30, desenvolverase na sede da Deputación esta intensa xornada. Dende a lingua de ouro á normalización.
  • Talleres de arte contemporánea: De 10.00 a 13.00 horas, na Casa dos Veciños. Obradoiros de arquitectura para os máis novos, impartidos polo Centro Galego de Arte Contemporánea.
  • Roteiro pondaliano: «Esta é a terra dos eidos amigos», ás 17.00, con Manuel Ferreiro e Miguel Mato.
  • «Pondaliana» e Su Garrido: Presentación do libro-disco e concerto de Su Garrido Pombo, Premio Narf 2018.

ANA GARCIA

Mércores 15 de maio

  • Festiciencia e Paco Nogueiras: Durante toda a mañá, na sede da Fundación Pondal e no seu entorno. Encontro de alumnado e profesorado dos clubes de ciencia da Costa da Morte. Haberá distintas propostas, entre elas a de Paco Nogueiras (Radio Bule-Bule).
  • Chocolate con Ángel Carracedo: Chocolate científico, para ser máis exactos. Ás 18.00 horas, na carpa central.
  • De Manuel Lourenzo a Cedrón: Tarde intensa das 20.00 en adiante na sede da Fundación. Recital poético a cargo de Manuel Lourenzo, coa presenza do ornitólogo José Luis Rabuñal. Concerto de Rosa Cedrón e de Emilio Rúa.

Xoves 16 de maio

  • Observación de aves: Entre as 10.00 e as 14.00, tempo para rutas guiadas e observación ornitolóxica.
  • Taller de arte dramática: Na Casa dos Veciños, tamén pola mañá, a cargo da Escola de Arte Dramática.
  • De contos e obradoiros: En horario de mañá, contactos e xogos na sede da Fundación, así como talleres de ilustración de aves, plastilina e caixas-niño. «Danza das aves», co Centro Coreográfico Galego. Pola tarde, talleres para adultos e café científico.
  • Concerto e ruta nocturna: Ás 20.00, na sede da Fundación, Xavi Lozano. Ás 22.00, ruta nocturna de mostraxe de campo de morcegos no Couto.

monica ferreiros

Venres 17 de maio

  • Recital poético: Ás 11.00, na sede da Fundación. Cincuenta poemas galegos sobre árbores.
  • Mercedes Peón e Anxo Moure: Ás 12.00, clase maxistral de Peón. Ás 13.00, «a música das árbores», con Moure.
  • Terras Gauda, Baiuca, Literatas: Tarde completa. Ás 14.00, cun viño fresco, concerto de Baiuca. De 17.00 a 21.00, Literatas 2019, Feira das Emprendedoras, Mural de Lidia Cao e ofrenda floral a Eduarda Pondal, con Clara Amado e Inllar. Ás 17.00, obradoiros infantís de percusión.
  • De As Lerchas a Mercedes Peón: Dende as 18.00, As Lerchas de A Agualada, Batucada de Vimianzo e Olga Kirk. Ás 19.30, Raigañas, Ás 20.00, «Déixaas», con Peón.

PACO RODRÍGUEZ

Sábado 18 de maio

  • Encontro Aldeas Singulares: De 10.00 a 14.00, sexta edición de Aldeas Singulares. Panel de experiencias e primeira Feira Agroalimentaria.
  • Sesión vermú con Ortiga: A partir das 14.00 horas, concerto.
  • «Branca vela», remonte do Anllóns: Remonte de embarcacións tradicionais polo río Anllóns, ata a casa natal de Eduardo Pondal. Soará o Himno Galego.
  • Obradoiros infantís de cociña: Con produtos D. O. e I. X. P. Ás 18.00.
  • Gastronomía e música tradicional: Grupos locais como Xa era hora ou Os Farrapos, pero tamén doutros puntos.
  • Ezetaerre, Terbutalina, Che Sudaka: Concertos ás 23.00, na carpa central.

BASILIO BELLO

Domingo 19 de maio

  • Feira de Artesanía: Nada menos que 37 edicións cumpre a Feira de Artesanía das Festiletras do Couto. Entre as 10.00 e as 14.00, animación con Fol de Veneno, Cé Pantasma, xogos con Cooperativa Miudiño, Banda de música de Visantoña, con Pablo Díaz, e actuación de Xosé Antonio Touriñán.
  • Magín Blanco: Tempo de animación para público familiar, das 16.00 horas en diante.
  • Danza tradicional con Inllar: A partir das 17.00 horas, nova actuación do grupo do Couto.
  • Xabier Díaz e as Adufeiras: Fin de festa, das 18.00 horas en adiante, con Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre.