O que precisan os colexios de Ponteceso

Lois García Carballido TRIBUNA ABERTA

PONTECESO

26 abr 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Estimado xefe territorial da Consellería de Educación na Coruña, tendo coñecemento das solicitudes dos centros educativos de ensino público do noso concello, que lle expoño máis abaixo, prégolle habilite crédito para a súa execución.

No CEIP As Forcadas de Corme están preocupados pola posible perda de profesorado no vindeiro curso, coa conseguinte merma da calidade do ensino. No CEIP Eduardo Pondal de Ponteceso necesitan unha aula de informática dotada con vinte ordenadores de sobremesa, pero veulles denegada. No IES de Ponteceso teñen graves problemas de filtración de auga e frío polas fachadas, na nave principal do centro educativo. Esta solicitude non foi atendida.

Podería vostede aportar solución a estes temas, de grande importancia para a educación? No derradeiro consello escolar municipal repasouse tamén a colaboración do Concello de Ponteceso no investimento na mellora dos centros de primaria, que excedeu con moito as obrigas de mantemento. Tamén se fixo unha avaliación das actividades culturais e mesmo de promoción económica, que se financiaron dende o Concello de Ponteceso, en todos os centros públicos, recollendo as propostas de mellora.

Aproveito para desexarlle unha feliz semana. Encantaríame acompañalo un día se vostede decide visitar os centros do noso termo municipal.

Saúdos cordiais.

Lois García Carballido, alcalde de Ponteceso.