Ponteceso, un dos 15 concellos na Asociación de Entidades Locais pola Lingua

La Voz CARBALLO / LA VOZ

PONTECESO

Naceu esta nova asociación en Compostela e alí houbo representación das terras pondalianas

17 feb 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Ponteceso é un dos 15 concellos galegos que tomaron parte, en Compostela, na constitución da Asociación de Entidades Locais pola Lingua. A entidade nace co fin de promover proxectos conxuntos no ámbito da normalización lingüística, procurando unha xestión máis eficaz dos proxectos colaborativos en materia de lingua. Na xuntanza tomaron parte alcaldes e alcaldesas, concelleiros e concelleiras, así como persoal técnico. No caso de Ponteceso viaxaron ata Santiago o edil de Normalización Lingüística, Carlos Penedo, así como a técnica municipal, Julia Ures, dando así cumprimento ao acordo de adhesión a esta agrupación aprobado en pleno o 26 de novembro.

«Entre as vantaxes que ofrecerá a nova asociación destacan a mellora na xestión do traballo, a rendibilidade dos recursos públicos e o reforzo de todos os programas que se vaian desenvolver», apuntou o Concello pontecesán nas súas redes.

Os 15 concellos son Santiago, A Baña, Ames, A Coruña, Teo, Ribadeo, Ferrol, Narón, Ponteceso, O Grove, Rianxo, Pontevedra, Moaña, Vilagarcía e Rois. Estes municipios veñen xa participando en iniciativas como Apego (para o achegamento da lingua aos máis novos), o certame Youtubeir@s (xa está en marcha unha nova edición, por certo) ou o Club de Debate. Na asemblea mantida en Compostela, co alcalde Martiño Noriega como anfitrión, acordouse que a presidencia desta Asociación de Entidades Locais pola Lingua recaerá en Rianxo. A vicepresidencia asumiraa o Concello de O Grove, mentres que Pontevedra ocupará a secretaría e Ames, a tesourería. Ademais, Narón, Rois e Santiago ocuparán as tres vogalías da entidade que vén de xestarse.