O Sar e o Anllóns, Rosalía de Castro e Pondal: unhas irmandades literarias

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

PONTECESO

BASILIO BELLO

O MES DE ROSALÍA | Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía, abriu o programa de actos que Ponteceso deseñou en torno á escritora

03 feb 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Botou a andar na biblioteca de Ponteceso o programa do Mes de Rosalía deseñado polo Servizo de Normalización Lingüística. Foi Anxo Angueira, presidente da Fundación que leva o nome e divulga a obra e legado da autora padronesa, quen ofreceu alí onte a conferencia titulada Rosalía con Pondal no Rexurdimento. Confesaba, unhas horas antes de falar e recitar, que ás terras pontecesás viaxa sempre feliz, sempre con moito agrado: «Collo a miña dorna, bótoa ao Anllóns.... Gústame moito ir».

Fala en calidade de «cidadán» e non tanto de presidente da entidade: «Gústame vincular estas dúas figuras tan decisivas, cada unha delas á súa maneira, pero sempre, os dous, traballando pola dignidade de Galicia, chamando a espertar». A irmandade estivo onte ben presente na intervención de Anxo Angueira. Cre que, sendo distintos, teñen ese vencello os ríos Sar (o río de Rosalía) e o Anllóns (o cauce de Pondal). «Querería falar das coincidencias biográficas destes dous poetas, amigos, que compartían un proxecto. Tamén das súas respectivas literaturas e poéticas, distintas neste sentido: Rosalía, máis popular, Pondal, máis culto. Os seus eran estilos diferentes, pero tiñan un mesmo horizonte, uns mesmos ideais». Este febreiro no que se conmemora o 182.º aniversario do nacemento da escritora será intenso dentro e fóra de Galicia. Unha das primeiras paradas foi, o venres, cunha exposición en Vilagarcía. «Entendo que, sendo este o mes de Rosalía, había que falar dela, pero indo a Ponteceso, tamén de Eduardo Pondal», valoraba o propio Angueira.