A Fundación Pondal elixe unha nova remesa dos Premios Bos e Xenerosos

Rosario Álvarez, Isabel Aguirre, Carlos Blanco e Miguel de Lira son os galardoados este ano. A entrega será o 12 de maio, arranque das Festiletras


Carballo / La Voz

Foi xa aló polo ano 2009 cando a Fundación Eduardo Pondal, con sede en O Couto (Ponteceso), comezou a entregar uns recoñecementos que deron en chamar os os Premios Bos e Xenerosos, en clara alusión a un dos versos do Himno escrito polo bardo (Os bos e xenerosos / a nosa voz entenden / e con arroubo atenden / o noso ronco son): son un tributo á traxectoria propia de quen os recibe, pero tamén ao espallamento da cultura galega dende os eidos nos que traballa cada un.

Aqueles afortunados iniciais foron Isaac Díaz Pardo, Anisia Miranda e Xosé Neira Vilas. Dende entón, a edición por ano, unha trintena moi longa de persoas sumáronse a eles e foron pasando polo Couto para ser recoñecidos pola entidade Eduardo Pondal. Pois ben, o padroado da fundación xa ten decididos os nomes deste 2019: son Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega; Isabel Aguirre, directora da Escola Galega da Paisaxe; Carlos Blanco, actor e autor teatral, monologuista e rostro imprescindible do audiovisual galego; e Miguel de Lira, esencia viva do teatro e da televisión desta terra. Os catro están convidados, pois, a tomar parte no acto de recoñecemento previsto para as 12.00 horas do día 12 de maio, que será cando comece tamén a 37.ª edición das Festiletras.

Na terna dos galardoados da Fundación Eduardo Pondal hai sempre unha escritora. É o caso, este ano, de Rosario Álvarez, muller comprometida coa lingua, coa cultura, académica dende hai moito e, agora, cunha responsabilidade á que, por vez primeira, lle dá tamén voz feminina: a presidencia do Consello da Cultura Galega. Ten manifestado unha vontade aperturista deste círculo e, sendo un organismo que tamén ofreceu noutras ocasións apoiou á entidade, vai para ela este Bo e Xeneroso 2019.

A traxectoria de Isabel Aguirre chamou a atención da fundación pontecesá. Arquitecta, é hoxe directora da Escola Galega da Paisaxe e vén de recibir non hai moito o premio de ciencia María Josefa Wonenburguer. Para ela fora, no 1997, o nacional de arquitectura Manuel de la Dehesa pola rehabilitación do parque Bonaval de Santiago. Non hai moito que coñeceu xa de primeira man o traballo da entidade Pondal, e máis proxectos que, seguramente, irán vindo.

A de Carlos Blanco é xa unha cara querida no Couto. Alí ten actuado unha morea de veces, «e dende sempre amosou un cariño especial por esta casa». Os seus directos con virtuosos monólogos son contundentes. Sendo este, ademais, o ano do 20.º aniversario da serie Mareas Vivas, ben acaído é este Ladislao para os Bos e Xenerosos.

Fiado a el, e tamén peza clave desta serie, estará na sede pontecesá Miguel García Martínez. Soaralles máis como o tantas veces recoñecido Miguel de Lira: «Leva o alcume de onde procede. E Lira é un lugar emblemático da Costa da Morte. Alí foi un dos mitins máis importantes da historia, con Castelao a viva voz», destacan dende a Fundación: «Sempre foi un home moi do común, e querido pola xente». Cúmprense, xustamente, 25 anos do seu paso por Ponteceso con Máquina Total (Chévere).

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Tags
Comentarios

A Fundación Pondal elixe unha nova remesa dos Premios Bos e Xenerosos