Ponteceso acollerá en febreiro todo un mes Rosaliano

La Voz CARBALLO / LA VOZ

PONTECESO

Jose Manuel Casal

Entre os días 2 e 23 dese mes haberá música, recitais, conferencias e mesas redondas

28 ene 2019 . Actualizado a las 20:08 h.

Do 2 ao 23 de febreiro • «Anímate e participa porque o vindeiro mes en Ponteceso, rosaliamos!», convida o Concello pontecesán. Con motivo do 182.º aniversario do nacemento da autora Rosalía de Castro, e dando cumprimento ao acordo feito en pleno, entre os días 2 e 23 de febreiro levaranse a cabo unha serie de actividades culturais para a divulgación e promoción da figura e obra da ilustre escritora padronesa. O programa é obra do Servizo de Normalización Lingüística, dirixido por Carlos Penedo, e está aberto á participación de toda a cidadanía: haberá música, recitais, conferencias e mesas redondas: vai ser o chamado «mes Rosaliano», segundo definen.

monica ferreirós

A primeira das paradas será o día 2, cando o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, interveña nunha sesión titulada Rosalía, con Pondal no Rexurdimento. Está prevista para as 19.00 horas, na biblioteca municipal, e incluirá tamén un recital de poemas.

A música será a protagonista da xornada do 9 de febreiro, cando actúa ás 21.00 horas, no Edificio das Escolas, o grupo vigués Son Trío: o seu primeiro traballo é Miña almiña, baseado nos poemas de Follas Novas. Para o 16 está reservada unha lectura pública de versos de Rosalía, na biblioteca (18.00): concluirá cunha actuación de Clara Amado e María Sánchez, ademais dunha chocolatada.

ANA GARCIA

O 22 haberá un recital no instituto Eduardo Pondal (13.20) e, o 23, unha mesa redonda cos poetas Miguel Losada, Pepa Nieto e Villo Argumanez: ás 18.00, na biblioteca, aproximaranse á poesía romántica de Rosalía.