Leonarda de Tallo, afamada regueifeira: unha historia para contar

La Voz

PONTECESO

ANA GARCIA

Esta tarde, no Couto, botan a andar as Aulas de Regueifa que levan o nome desta muller, coordinadas por Lupe Blanco

26 ene 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Leonarda de Tallo era unha afamada regueifeira de comezos do século XX. Malia ser citada en diversas investigacións existentes sobre esta arte popular, pouco sabemos dela agás que foi das poucas mulleres que desafiaron aos homes enriba dos cameríns. A xente de avanzada idade da parroquia pontecesá de San Andrés de Tallo vagamente lembran a esta muller. Algúns afirman que era bastante alta, cunha voz moi potente e que vivía nunha caseta rectangular moi humilde en fronte das Torres. Ramón de Lino, veciño das Torres de Tallo, evoca a súa lembranza: «Andaba ao xornal e morreu moi maior. Era coidada por toda a parroquia, mesmo lle levaban de comer. Eu tería cinco anos cando me deixaban a cargo dela mentres a miña familia saía traballar ao campo».

Ramona de Estramil, outra veciña da igrexa de San Andrés de Tallo, relátalle a Carmen Eiroa Barreira o seguinte: «A Leonarda tiña unha taberniña cunha botella de anís, unha de Sansón e outra de caña. Con esas tres botellas ía ás festas de campo (Santa Margarita de Baneira, Santa Mariña de Corcoesto e San Bernardo da Graña) cunha cesta na cabeza. É por iso que A Negra, como ela mesma se alcumaba por ser de pel escura, paseaba coa cesta ao mesmo tempo que cantaba Miña Santa Margarida, se a caña non sube a costa, a Negra vese perdida».

Así mesmo, Carmen Eiroa lembra tamén que era unha muller solteira e sen fillos que traballaba ao xornal para os labregos da parroquia. Conta que era tan pobriña que cando morreu, foron as veciñas quen lle facilitaron a roupa de defunta e lle deron sepultura na terra. É tamén grazas a Fernando Pérez Crespo, párroco de Tallo, que puidemos achegarnos máis á vida da regueifeira. Faleceu no seu domicilio por mor da debilidade senil, sendo as dezaoito horas do 17 de novembro de 1937, máis concretamente aos oitenta e seis anos de idade. Era filla de Joaquín Fuentes García e de María Couto, solteira e sen sucesión, polo que non outorgou testamento. O médico que certificou o seu deceso é o soado Antonio Ángel Longa.

Ao mesmo temo e retrocedendo no tempo, sabemos que no padrón de 1889 figuran Joaquín Fuentes García, nacido en Langueirón o 2 de decembro de 1816; José Castro Martínez, nacido en Cores o 2 de agosto de 1852 e Josefa Fuentes, nacida en Tallo o 3 de xullo de 1859. Ademais, coñecemos que a nosa protagonista Leonarda Fuentes naceu o 3 de xullo de 1851. Tamén se sabe que Carmen Castro naceu na mesma parroquia o 22 de novembro de 1880. Porén, no padrón de 1898 figura Joaquín Fuentes García de 82 anos viúvo e Leonarda Fuentes, María Castro e Carmen Castro como netas deste.

Leonarda era xornaleira e foi esfollar o millo a Corcoesto. No momento en que se dispuxeron a traballar dixo ela:

Laralala o picoto

quen cho ha de picotar?

as nenas de Corcoesto,

que son a gala do lugar.

Hai que ver como traballan,

outra espiga máis ó cesto,

para facer a esfollada,

vivan as de Corcoesto.

Ao que un home que tamén estaba a traballar respondeu:

O tempo da esfollada

non llo desexo a ninguén,

mandei a muller a ela,

e esfolláronma tamén.

Na casa de Leonarda, onde moitas noites botaban unhas coplas. (Regueifa entre Leonarda e un regueifeiro que descoñecemos):

L- Tedes ben pouca vergonza,

chegar aquí desta hora,

miña nai non deixaría,

ter a súa filla por fóra.

R- Cala a boca Leonarda,

que contigo non quero trato,

o teu xa non vale para nada,

tírallo ao can do Zato.

L- Non é can que é cadela,

engañácheste e máis ben,

trócalle o teu polo dela,

que como o meu xa o ela ten.

R- Eu pasei pola ribeira,

atopei unha lapa crúa,

aseina cun toxo verde,

así che hei de asar a túa.

L- Eu tamén fun a ribeira,

dei a volta por Niñóns,

coa cinta do meu pelo,

heiche de atar os collóns.

Hoxe, sábado, a partir das 17.30 horas, botarán a andar as Aulas de Regueifa Leonarda de Tallo. O nome desta iniciativa fica explicado coa importancia desta regueifeira exposta no anterior texto. Estas Aulas son unha actividade gratuíta coordinada pola tamén regueifeira Lupe Blanco. Patrocina a Secretaría Xeral de Política Lingüística e colabora a Asociación Oral de Galicia.