«O himno galego cantouse en Madrid antes de soar na Habana en 1907»

Fernando Molezún A CORUÑA / LA VOZ

PONTECESO

XOSE CASTRO

O musicólogo Fernando López-Acuña está elaborando un estudo sobre a composición de Veiga e Pondal

24 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O académico Fernando López-Acuña leva tempo traballando nun estudo sobre o himno galego no que vén a matizar, se non a desmentir, algúns feitos tomados ata o de agora como certos, entre eles o da data e o lugar da estrea de himno: «Hai moitos aspectos que, aínda estudados moitas veces, son descoñecidos para o gran público. Entón estanse cometendo erros continuamente», explicou recentemente nunha conferencia organizada por O Facho. Tema que, dende logo, interesa moito nesta comarca, en tanto que o bardo Eduardo Pondal, nado en Ponteceso, é o autor da letra dese símbolo galego.

-Onde fixamos entón a orixe do himno?

-Nace no 1890, época na que hai un clima do rexionalismo moi propicio. Nese ano, no que se celebra o concurso para a creación do himno, xorde en Santiago a Asociación Rexionalista Galega, da que Pascual Veiga vai ser vogal da comisión da Coruña. O concello pídelle a Veiga que se encargue dos certames musicais que van ter lugar nas festas da cidade, e decide crear un gran certame de composición e interpretación. Entre os premios fai un específico para un himno a Galicia. Era un rexionalista convencido, e na súa correspondencia con Pondal explica que quere que Galicia teña un himno propio, para o que lle pide un texto.

-O poema non foi escrito antes da música de Veiga?

-Ese é un erro que circula moito. E vén de que se pensa que o texto Os pinos do noso himno vén de Queixume dos pinos, e non é así. Queixume dos pinos é de 1886 e Os pinos é escrito expresamente para servir de base nese certame de composición en 1890. É máis, Pondal escribe unha primeira versión do texto que non deixa satisfeito a Veiga por razóns de acentuación técnico-musical, e que Pondal corrixe.

-Chegou a soar o himno nese certame?

-Non. O programa do certame vai firmado por Pascual Veiga como presidente e preséntanse na modalidade de marcha rexional galega dez composicións. Veiga, como presidente do xurado, non podía presentarse ao certame, pero establece nas bases que no peche das festas, nun gran festival na praza de touros, se interpretaría a obra gañadora, e que, de non haber ningunha, interpretaríase a súa. Houbo un premiado e non se interpretou o de Veiga, e isto non lle gustou nada, así que abandonou a dirección do Orfeón Coruñés número 4 e pouco despois, en 1892, marcha a Madrid, onde é nomeado profesor da Escola Nacional de Música.

-Di que o himno se interpretou antes en Madrid que na Habana.

-Claro, porque en Madrid, ademais dos labores docentes, dirixe orfeóns que cantan as súas composicións, entre elas o himno galego. De modo que antes de cantarse na Habana en 1907, o himno xa o cantaban os orfeonistas galegos emigrados a Madrid nos orfeóns de Veiga.

-E de onde vén iso de que estreou en Cuba o 20 de decembro de 1907?

-En 1906 Fontenla Leal escríbelle unha carta a Veiga pedíndolle que lle mande o himno para que o poidan gravar alí, que sae moito máis barato. Veiga mándao o 1 de xullo de 1906, e o día 12 morre. Cando chega o sobre coa partitura chega tamén a noticia do pasamento. Na Arxentina xorde entón a idea de xuntar fondos para trasladar os restos do cemiterio da Almudena en Madrid ata Mondoñedo, idea que foi acollida na Habana, onde deciden celebrar un festival en honor de Veiga, que ten lugar nesa data que se dá como a da estrea do himno. E un ano máis tarde, Fontenla solicita no centro galego que o himno sexa oficializado, o que é aprobado polo centro e pola sociedade iniciadora e protectora da RAG. Así que podemos dicir que este ano celebramos os 110 anos da oficialización do himno, pero non da súa estrea.

«A Coruña foi fundamental na oficialización de ‘‘Os pinos’’, grazas ás Irmandades»

Aínda que, como afirma López-Acuña, o himno galego se estreou antes en Madrid que na Habana, o certo é que aínda tardaría en chegar ata Galicia.

-Cando chega o himno a interpretarse en Galicia?

-A partir de que na Habana sexa himno oficial, aparece por primeira vez impreso nun libro, aínda que con moitos erros -algúns aínda discutidos, como o de que si di clan en vez de chan-. Isto chega aos principais diarios de Galicia e aos centros galegos de todo o mundo, e en 1910 xa vemos que existen as primeiras interpretacións do himno en Galicia. Hai un feito fundamental, que é o traslado dos restos mortais de Veiga a Mondoñedo. Acode moita xente e a Banda de Isabel la Católica interpreta ante a casa do compositor o himno. E en 1915 o alcalde da Coruña Manuel Casás pide que se interprete o himno na cidade, por exemplo, na inauguración do monumento de Concepción Arenal. A Coruña foi fundamental na oficialización do himno.

-E iso por que?

-Polo papel das Irmandades da Fala. Antón Vilar Ponte pide desde a prensa que o himno se interprete máis, vaise espallando pola cidade coas interpretacións da banda e dos distintos orfeóns. As Irmandades da Fala collérono como himno propio. Tanto é así que en 1918 empezan a imprimir o himno nunhas tarxetas que reparten entre a xente. Son os que lle dan finalmente o sentido de himno de Galicia, aínda que fose rapidamente admitido por todos aqueles con conciencia de país, sendo cal fora a súa ideoloxía política. Aínda que cando as irmandades perden o seu carácter rexionalista para converterse en nacionalistas comeza a haber diferenciacións, porque o reivindican como algo propio, algo seu.