Ponteceso viviu o Día do Himno con poesía, música e flores

Xosé Ameixeiras
A. Lavandeira CARBALLO / LA VOZ

PONTECESO

AMEIXEIRAS

Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro, puxo o piar dunha celebración para o futuro

21 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Poesía, música e flores. Nos eidos nativos de Eduardo Pondal non esquecen ao poeta e onte foi proclamado o Día do Himno, coincidindo co aniversario da primeira interpretación da peza musicada por Pascual Veiga o 20 de decembro de 1907 na Habana. Celebrouse no instituto de Ponteceso, que leva o nome do bardo.

Foi o filólogo e presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, quen puxo o piar da xornada. Presentado de forma maxistral por Juan Félix Neira, Angueira, que ten navegado a bordo da súa Roxiña ata o curro pondaliano, deixou dito que a letra do himno forxada en «verso culto», non popular. «Pondal -afirmou- é un poeta culto. Hai un repertorio estético». E asegurou que «non é un poeta de gaita, como é Rosalía. O instrumento de Pondal é a arpa». As propias estrofas teñen música: «Música hierática [no caso do himno], de marcha heroica, con ritmo. Non un ritmo lírico, senón un ritmo heroico, propio dos símbolos».

ANA GARCIA

Recitou Angueira e fíxoo de forma admirable para goce de autoridades, profesores e alumnos presentes. Agradecéronllo con aplausos. E tamén falou da mensaxe do poema pondaliano convertido en símbolo de Galicia. Vai dirixido aos bos e xenerosos, para os que os tempos son chegados. «É áspera, brava, dura», engadiu. Os piñeiros convértense en «soldados, un elemento do repertorio heroico». Leva implícita a idea de rexurdimento sen que o propio autor sexa consciente. A invitación a espertar é común a outros autores, de aí que para Angueira «o himno tamén é unha alborada».

Carlos Penedo, concelleiro de Ponteceso, inaugurou esta primeira celebración do Día do Himno. «Pondal ergueu Ponteceso coa súa arte até unha altura inigualable», afirmou. Así que espera que esta xornada vaia medrando. Desexo tamén da moza Candela Lema, estudante do IES Eduardo Pondal, para este «legado de séculos», que «a todos nós pertence».

ANA GARCIA

Clara e Ana puxéronlle música á xornada con Lela e a interpretación do propio himno. O acto, no que estiveron o alcalde, Lois García; a directora xeral de Relacións Institucionais da Xunta, Blanca García; o deputado provincial Xesús Soto, e o xerente da Fundación Pondal, José María Varela, rematou en ofrenda floral.