Hai preparados tres días de actividades, do 20 ao 22 deste mes, e para públicos diversos
18 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.O 20 de decembro de 1907 interpretouse por vez primeira, no Gran Teatro da Habana, o Himno Galego de Eduardo Pondal (letra) e Pascual Veiga (música). Co paso do tempo -van xa 111 anos-, ese día foise instituíndo como «Día do Himno», e en Ponteceso conmemorarán a xornada neste 2018 cun ciclo de actividades especiais: serán «tres días de festa», do 20 ao 22.
A proposta foi presentada no consistorio polo edil Carlos Penedo e polo alcalde, Lois García Carballido. O primeiro explicou que a idea saíu do grupo municipal nacionalista, ao que pertence, e que levou a pleno unha moción incidindo na importancia deste Día e no conveniente dunha homenaxe. Toda a corporación, por unanimidade, apoiou a iniciativa, unha loanza a un símbolo «que co correr dos tempos foise convertendo en nexo de unión entre o pobo galego», en palabras de Penedo. Cantalo é sempre «un acto con moito contido emocional».
Xoves 20 de decembro
Ás 10.00, no instituto Eduardo Pondal, o escritor e presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, ofrecerá unha conferencia sobre a simboloxía literaria do himno. Hora e media máis tarde, ás 11.30, uns 120 rapaces e mais autoridades -como o propio edil de Patrimonio, Carlos Penedo- tomarán parte nunha ofrenda floral, diante do monólito de Pondal, no Recheo. En caso de mal tempo, sería no instituto. Ana e Clara engadirán voz e música ao encontro.
Venres 21 de decembro
A biblioteca municipal acollerá ás 17.30 un obradoiro de ilustración a partir de versos do Himno Galego: imparte Ruth Caramés, para rapaces de ata 12 anos. Nesta mesma xornada, ás 21.00 horas no Edificio das Escolas (rúa Teresa Mosqueira Manso), haberá unha contada de Quico Cadaval: «Por que mo preguntas?». Cun «referente así», como dixo Penedo, o Concello agarda atraer á maior cantidade de xente.
Sábado 22 de decembro
Tamén se o tempo o permite, nesta xornada (11.30) presentarase no Couto o mural conmemorativo do Día do Himno, unha obra da que se encargará Miguel Anxo Calvo, O Mighelo. Pola tarde (20.30), de novo no Edificio das Escolas, todas as corais do municipio -un encontro que se produce por vez primeira- interpretarán conxuntamente o Himno durante o 22.º Certame de Nadal: son San Xoán de Xornes, San Salvador de Pazos, Santa Mariña de Ponteceso, Brisas do Mar de Corme, A Oliveira do Monte Branco e San Eleuterio de Tella.
Reivindicación
Que a veciñanza sexa partícipe da «riqueza que temos» é para Penedo o obxectivo deste ciclo que vén a celebrar por vez primeira o Día do Himno no municipio, algo que o alcalde, Lois García, entende como «unha honra». Agarda que esta cita sexa «anual» e que se consolide na terra que viu nacer a Pondal: «Se se quere coñecer a Pondal hai que coñecer Ponteceso». Cre o rexedor que esta celebración debería ser a nivel galego, por ser un dos tres símbolos xunto coa bandeira e o escudo: «Cómpre unha homenaxe institucional, e o Concello de Ponteceso dou un paso», para el o primeiro de cara a que todos os actos públicos finalicen sempre co Himno. É para el este ciclo unha proposta inclusiva, que chega aos estudantes, ás corais («Un dos grandes orgullos de Ponteceso»), ao Recheo e ao Couto, «centro do grande activismo en torno a Pondal, coa Fundación Eduardo Pondal».