«A lectura e a educación fórmante, e na miña literatura a muller é protagonista»

Marta López CARBALLO / LA VOZ

PONTECESO

José Manuel Casal

Este mesmo mes chegou ás librarías a nova obra de relatos de Miguel Anxo Mato Fondo: «Adeus, capitán Walton»

17 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Miguel Anxo Mato Fondo (Ponteceso, 1953), licenciado en Filoloxía Hispánica e Galego-Portuguesa pola Universidade de Santiago e docente de profesión, acaba de publicar novo libro: Adeus, capitán Walton. Cinco relatos nos que a figura feminina xoga un papel fundamental, xa dende a portada, obra de Fina Pita: «Sempre quixen que un cadro dela fose a portada dun dos meus libros», di Mato.

-«Adeus, capitán Walton» é tan recente que acaba de saír do forno.

-Tan recente que aínda non o vin! Aínda non o tiven nas mans.

-Que opinións lle van chegando?

-Pois polo de agora só recibín de Xosé Manuel Varela e da miña parella.

-Non serán moi obxectivas, entón. Polo menos esta última.

-Non creas! [ri] Creo que é un libro que pode gustar, aínda que o mercado é como é, e non se pode controlar.

-Que recolle neste libro?

-Componse de relatos diferentes, aínda que eu diría que teñen algúns vencellos; un deles, o protagonismo da muller. Son relatos que non teñen demasiado argumento. Explícoo nun prólogo, no que tamén conto a miña visión da propia literatura: nestes intres non me interesa demasiado o argumento en si. Hai moito de literatura memorialista; un dos relatos, por exemplo, é unha reconstrución poética dos últimos días de Karen Blixen, a escritora de Memorias de África. Noutro fago unha homenaxe á miña avoa materna: Valle Inclán sempre dicía que un escritor sempre escribe o que está dentro dun.

-Diría que atravesa unha etapa de madurez literaria?

-Pois se á miña idade non acadei a madurez... [ri]. Creo que estou nunha etapa moi creativa: dende o 2005 ata este ano escribín os meus libros máis importantes. Estou agora traballando noutro, que se chamará O lector do paraíso e que tamén conterá literatura memorialística. Estou nunha etapa moi inspirada, aínda que o que marca a nosa literatura é o noso estilo, non son os argumentos, nin sequera a propia historia. O estilo é o autor, e iso nunca remata, sempre o estás buscando. Un nunca atopa a súa obra perfecta, polo que segues escribindo.

-De que maneira describiría o seu estilo literario?

-Creo que fago prosa poética. E despois hai unha serie de leitmotivs, de elementos que están sempre presentes na miña obra. Iso é o que marca a personalidade.

-Tamén os referentes de lectura que teña cada un.

-Por suposto, eu comecei recitando os versos de Eduardo Pondal, despois lin a Emily Brontë e a partir de aí comecei cunha literatura baseada na memoria, na imaxinación, na lírica: Valle Inclán, Cunqueiro, Borges, Joyce... As lecturas fórmante.

-Hai temáticas, como a figura da muller, que aparecen reiteradamente na súa obra.

-Eu creo que as personaxes dos meus relatos son unha especie de máscaras. Podíaste preguntar, entón, se me sinto reflectido en figuras femininas, máis que en masculinas. Eu creo que a educación ten moito que ver: a miña infancia foi marcada por mulleres. Á miña avoa materna e a unha irmá da miña nai débolles moito, porque souberon verme e orientarme polo bo camiño.

-Traerá «Adeus, capitán Walton» á Costa da Morte?

-Teño pendente determinar unha presentación en Ponteceso, e en Carballo probablemente se faga outra. Logo tamén estou barallando unha en Viveiro e outra na Coruña. En cantas máis partes, mellor, claro está, aínda que oxalá o percorrido desta obra non quede só nas presentacións, senón que teña continuidade entre os lectores.

-Falando de lectores, cal cre que é o seu público?

-Eu escribo para ser lido, mais son consciente de que, ao mellor, non é unha literatura para ser consumida por grandes cantidades de xente. Creo que o meu perfil é unha lectura culta.