«A toponimia é unha riqueza cultural de Galicia, única en todo o mundo»

Santiago Garrido Rial
s. g. rial CARBALLO / LA VOZ

PONTECESO

XAIME RAMALLAL

O experto falará esta tarde na Fundación Eduardo Pondal, no Couto (Ponteceso)

12 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Vicente Feijoo Ares (Riós, Ourense; 43 anos), licenciado en filoloxía galego-portuguesa, é o responsable de Toponimia no Seminario de Onomástica da Real Academia Galega (RAG). Hai anos traballara naquel proxecto de Toponimia de Galicia da Xunta, que non tivo continuidade. Tamén iniciou a súa tese doutoral sobre a orixe dos nomes. Leva case media vida dedicada ao análise da toponimia galega.

Hoxe pola tarde, sobre as 18.00 horas, e se cadra un pouco antes, estará na Fundación Eduardo Pondal do Couto falando precisamente sobre os temas nos que é especialista.

-¿Sobre que vai falar?

-Temos en marcha unha campaña que chamei Toponimízate. Está financiada por un proxecto europeo, promovido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e que executamos na RAG. Vai sobre o patrimonio colectivo, no que a toponimia é moi importante. Este ano chegamos a 15 municipios. Vou falar disto, entre outros temas, na Fundación Eduardo Pondal, á que lle interesan moito estes temas.

-¿En que sentido?

-O da riqueza toponímica de Galicia. É un patrimonio cultural inmaterial sen parangón a nivel mundial. Unha riqueza cultural única en todo o mundo.

-¿Non será moito dicir en todo o mundo?

-Ata onde nós sabemos, os nove membros da comisión que estamos así, con xente moi experta como Navaza ou Santamarina, todos os toponimistas europeos destacan que non hai unha rexión como Galicia en canto a densidade, variedade e antigüidade. Todo o mundo destaca este feito diferencial noso. Que nós coñezamos, non hai ningunha outra zona que reúna estas tres características.

-¿Iso mídese dalgún xeito?

-Fixéramos aquel proxecto de Toponimia de Galicia, que fora o primeiro a nivel estatal. Agora xa se fai noutros moitos sitios. Nalgúns, a densidade que lles sae é de cinco topónimos por quilómetro cadrado. A nosa media estaba en 50 por quilómetro cadrado, pero había determinas áreas galegas con 162 microtopónimos por cada quilómetro.

-¿Como se pode ir preservando todo este coñecemento?

-Hai unha aplicación que está a punto de ver a luz, que se presentará en breve. Primeiro vaise chequear para ver que todo está ben, e seguramente xa esta activa na primavera. Poderase usar no móbil e tamén no escritorio do ordenador. O obxectivo é que calquera veciño poida subir o nome da súa leira, un cruceiro, un muíño, unha foto, un documento, documentación... Onde xa hai algo feito, como Ponteceso, poderase completar. A idea é que non só se suba a toponimia do interior, senón tamén a do litoral, que corre tanto ou máis risco.

-¿Que uso se lle pode dar a esta información?

-Moitos. Ademais das bases de datos de todos os organismos, pódese aproveitar de mil maneiras, dende facendo rutas de sendeirismo ata a localización para os servizos de emerxencia. Nunha zona de monte, por exemplo, todos os lugares poden estar xeolocalizados.

-Tamén está a parte cultural.

-Claro. É unha ferramenta normalizadora da lingua, e sobre todo no mundo do ensino. Permite participar, falar galego a través das novas tecnoloxías. Os nenos poden preguntarlle aos avós por este ou aquel sitio, traballar na lingua, usar un vocabulario galego que así non se vai perder... Isto pode fomentar a relación interxeracional, ademais de axudar a manter os nomes.

-¿Fará hoxe algunha referencia ao municipio?

-Si. Falarei do significado de Ponteceso, das parroquias e responderei, se sei, ás preguntas. Aquí xa están recollidos 2.223 microtopónimos.

Décimo aniversario da Fundación Eduardo Pondal.

Entre hoxe e o venres levaranse a cabo diversas actividades. Empezarán hoxe sobre as 17.00 horas, coa Cova Céltica na lareira da entidades, e ligo a presentación do Roteiro Pondaliano a cargo da presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, e do investigador Manuel Gago. A continuación falará Vicente Feijoo.