O Poboado Navideño Mariñeiro: a «mellor oferta lúdica de Galicia» para a ponte festiva

PONTECESO

ANA GARCIA

Catro días nos que Corme capitalizará a oferta cultural na comarca: música, monicreques, espectáculos infantís, artesanía...

06 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Ambiciosas palabras as de Lois García Carballido, rexedor de Ponteceso, cando afirma que o Poboado Navideño Mariñeiro de Corme trae a «oferta lúdica máis atractiva de Galicia» para pasar a ponte festiva. Quizais non lle falte razón, pois o programa para esta primeira edición do poboado vén cargado de propostas de calidade que pasan pola música, a tradición, as pezas de raíz, os monicreques ou as influenzas circenses, e todo isto co obxectivo de «dinamizar o pequeno comercio e a hostalaría», tal e como explicaba a edil Susana Toja durante a presentación.

A través da Concellaría de Turismo, a empresa Urdime encargouse de dar forma ao proxecto. «Dende que comezou o mes de decembro o espírito do Nadal está en todos nós, e iso será o que vexamos estes días en Corme, a través dunha proposta pensada para gozar en familia», explicaba onte Emi Candal, de Urdime, no programa Voces de Bergantiños, de Radio Voz.

Onte mesmo, e como preludio a catro días con actividades ao longo de toda a xornada, o grupo Broken Peach deu o pistoletazo de saída. Unha banda feminina moi asentada e con «moitos seguidores por toda Galicia».

ANA GARCIA

Hoxe, día de lecer para moita xente, Paty Lesta & The Hits traerán «música internacional para abrir boca». Será na sesión vermú, a partir das 14.00, e tratarán de achegar o jazz a ese sector do público que non o escoita con asiduidade.

Xa pola tarde (17.30), será a quenda dos máis cativos, que poderán gozar do espectáculo Ghop!, un berro cheo de enerxía e ímpeto para un espectáculo «con estética clásica dos circos ambulantes».

Para pechar a xornada aterrará en Corme o novo proxecto musical Adhara&Ritman. Prometen un espectáculo con multitude de influencias musicais: «Nos nosos concertos queremos que a xente se libere, que sexa quen quere ser», dicía para La Voz a vocalista Adhara Caamaño.

Continuará o programa ata o domingo, con máis música de calidade, versións, teatro e cun clásico que non podía faltar nun programa navideño: «O crebanoces», aínda que adaptado por Larraitz Urruzola cara un espectáculo de monicreques no que terá gran protagonismo a música de Chaikovski.

Máis de vinte postos de artesanía, animación polas rúas e a opción de visitar o museo de Corme

Na Praza do Pan haberá arredor de 25 postos de artesanía co mel, xoguetes, traballos das redeiras, xoiería, churros, doces, cesteiros, produtos elaborados con percebes, cabazas, lambonadas... Haberá tamén un posto da Concellaría de Turismo, así como da Confraría de Pescadores, que aproveitará para vender un calendario feito con imaxes tomadas aos percebeiros locais.

ANA GARCIA

Tanto este espazo como a Praza da Ribeira terán decorados relacionados co Nadal, acollendo esta última os espectáculos de tarde e os da noite. Ademais dende a Praza do Pan ata a zona da Arnela haberá percorridos de panxoliñas durante todo o mes de decembro: durante a semana, de 18 a 21 horas, aproximadamente; e na fin de semana, mañá e tarde. Haberá tamén sorteos diarios entre os que merquen no comercio local, «a ver se así a xente se anima a comprar tanto en Corme como no resto do Concello», di a concelleira Toja.

ANA GARCIA

Ademais, coincidindo co Poboado Navideño Mariñeiro, abrirá as súas portas ao público o Museo de Arte Contemporánea, recentemente adquirido polo Concello de Ponteceso.