«O sector forestal é estratéxico»

José Manuel Andrade Calvo, dirctora da Fundación Juana de Vega, analizará mañá en Foro Voz retos e oportunidades dunha área de vital importancia económica


carballo / la voz

Ao amparo do programa Pondal e os pinos, e dentro dunha xornada de actividades, terá lugar mañá no Couto (Ponteceso) un dos Foro Voz de La Voz, no que o tema a tratar vai ser a madeira como vía de progreso. Patrocinado pola Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), o encontro adiántase ás 18.00 e é de acceso libre. O director da Fundación Juana de Vega, José Manuel Andrade Calvo (Corcoesto, 1975), é un dos convidados.

-Falará vostede de retos e oportunidades do sector forestal.

-Iso é. O sector forestal é un sector estratéxico no rural de Galicia, tanto pola súa importancia económica e social, como polas funcións medioambientais que ten o monte e que lle proporciona moitos servizos ecosistémicos á sociedade. Esta é cada vez máis consciente da importancia estratéxica que ten o monte.

-¿Que compromiso ten a Fundación Juana de Vega con esta área?

-Está fortemente comprometida co desenvolvemento rural e apoia todos os sectores produtivos neste ámbito. En Galicia temos dous de capital importancia no sector primario: o leiteiro e o do monte. A fundación aposta pola súa posta en valor para así contribuír á xeración de riqueza e de emprego no rural de Galicia.

-Teñen, ademais, un proxecto denominado Escola Galega da Paisaxe. ¿En que consiste?

-É un nome que agrupa todas as actividades que viña desenvolvendo a fundación en materia de paisaxe e territorio dende o 2003. A Escola creouse no 2008 como marca-paraugas e dende ela desenvólvense actividades relacionadas coa sensibilización, a formación e a concienciación social sobre a importancia de conservar unha paisaxe de calidade como instrumento fundamental para a calidade de vida da poboación.

-¿Que retos son os que ten diante o sector forestal actual?

-Moitos, pero en primeiro lugar, gustaríame destacar a importancia económica que ten: moitas veces a cidadanía galega descoñece a inmensa riqueza que temos no rural. A cadea forestal da madeira aporta o 1,8 % do PIB galego; xera máis de 20.000 empregos directos; está entre as tres primeiras actividades industriais por emprego xerado na maioría das comarcas rurais; está remontando a crise do 2008 e por vez primeira factura máis de 2.200 millóns no 2017. Estamos cortando 8,5 millóns de metros cúbicos de madeira ao ano, o que representa o 47 % da madeira do Estado: temos ademais unha especialización produtiva centrada no norte de Galicia, e tamén en Bergantiños. O distrito forestal de Bergantiños e As Mariñas coruñesas destacan por un importante volume de produción, con máis de un millón de metros cúbicos de cortas ao ano. É un sector, tamén, con moita vocación exportadora: vendemos no 2017 800 millóns de euros. O forestal ten ademais outra importancia estratéxica: é a principal fonte de aforro non financeiro das familias galegas. Estímase que o valor dos recursos madeireiros acumulados no monte galego equivalen ao 8 ou 10 % dos depósitos bancarios do país. Hai, despois de todo isto, un reto principal no que temos que afondar: a estrutura da propiedade da terra. Temos 680.000 titulares catastrais forestais, con menos de dúas hectáreas por titular e repartidas en varias parcelas. Isto dificulta unha xestión forestal economicamente viable e lastra a competitividade do sector. Outro dos retos vén derivado do abandono da poboación do rural e da concentración nas cidades: o avellentamento, o descoñecemento das propiedades... Precisamos unha reforma lexislativa ambiciosa que permita actuar sobre isto e que lle dea prioridade ao uso da terra fronte á propiedade.

-Estamos falando de retos que, en definitiva, virían a ser tamén oportunidades para o rural.

-Si, retos que son oportunidades verdadeiras. Temos recursos abandonados e non podemos permitirnos, como sociedade, seguir mantendo iso así, porque ten un custe económico e social que se vai facer insoportable, o derivado do lume. Gastamos máis de cen millóns ao ano en prevención e apagado: é dicir, queimamos cartos, e iso é por unha falta de xestión do territorio. É fundamental actuar sobre iso e fomentar o asociacionismo para a xestión conxunta do monte, para dar solución a esas pequenas propiedades. Temos que abordar, a maiores, o reto da falta de ordenación e certificación forestal: só unhas 220.000 hectáreas contan con instrumentos deste tipo, fundamentais para a valorización do produto e fonte de emprego e riqueza. No tocante a oportunidades, gústame destacar, por exemplo, que temos unhas 46.000 hectáreas de soutos ás que non lles estamos sacando proveito. Poderían producir, en valor de castaña fresca, uns 120 ou 130 millóns de euros ao ano. Só aproveitamos uns 20: o resto queda no monte sen apañar.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
7 votos
Comentarios

«O sector forestal é estratéxico»