«Bergantiños merece que máis xente emprenda e deixe aquí as súas ideas»

F. Rodríguez / M. López CARBALLO / LA VOZ

PONTECESO

Ana Garcia

Dende Glaucor, en Ponteceso, axudan a outras empresas a mellorar a produtividade a través da tecnoloxía. Cóntao o xerente, Nino Santos

20 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

No momento desta conversa, mantida con Fran Rodríguez en Radio Voz Bergantiños, Nino Santos está en Xanceda (Mesía, A Coruña), nas instalacións dun dos clientes aos que presta servizo en Glaucor Ingeniería. Esta empresa alimentaria de Mesía acaba de recibir o premio Líderes en Calidad en Expourense, e Nino di estar «fiscalizando» a parte que lle toca neste premio a través dun bo petisco de tortilla. A esta compañía, así como a moitas outras empresas, axúdaas a medrar e a modernizarse tecnoloxicamente para seren máis eficientes e adaptarse ás esixencias do mercado. Todo iso faino dende o polígono industrial de Ponteceso, en Tella.

-A que se dedican en Glaucor?

-Axudamos a clientes do ramo industrial que necesitan dar un paso máis adiante, e melloramos a súa produtividade dende un punto de vista tecnolóxico.

-Abarcan todas as fases dos proxectos cos que traballan.

-Moitas veces hai que examinar como nace a empresa para chegar a algunha conclusión clara. Detectamos que, en orixe, moitas compañías tiñan graves problemas de automatización. Os seus procesos produtivos baseábanse nun labor moi manual, e adaptarse a ese cambio necesario para estandarizarse e facer sempre o mesmo produto era complicado.

-A que tipo de empresas adoitan prestar servizo?

-Maioritariamente traballamos co sector alimentario. A proximidade axúdanos moito a ofrecer un servizo integral, e as empresas pequenas, ás que ninguén presta moita atención, teñen que medrar da man de alguén. A empresa de Xanceda na que estou hoxe [no momento da entrevista] pasou deses catro primeiros iogures que facían nos seus inicios, a facer agora miles deles. O obxectivo é que teñan todos a mesma calidade e características.

-Parece un campo de traballo, polo que conta, moi estable.

-Ao final todos temos que comer [ri] e a alimentación é o gran sector a nivel mundial. Non só os xigantes, senón tamén os produtores pequenos. Con esa estabilidade que tes, sabendo que terás clientes si ou si, tes que crearte unha boa fama, un bo portfolio: produtos que funcionan, pero que teñan capacidade de innovación. Iso está á orde do día. Detrás diso ten que haber unha empresa que axude a outras empresas a alcanzar ese obxectivo.

-A ver se van medrar demasiado...

-[Ri] Na miña mente de polo, cando fixen o organigrama da empresa (levamos apenas dous anos e pico, non máis), a proxección de crecemento e as etapas a seguir, resultaron ser bastante diferentes ás que estamos seguindo agora. Imos moito máis rápido, aínda que medramos de xeito sostido e sen perder a nosa esencia. Hai tamén meteduras de pata [ri] e cousas que hai que mellorar, pero para iso estamos da man de asesores que nos axudan a ir avanzando.

-Cantos traballan en Glaucor?

-Somos a tira de xente! [ri] Trinta e pico persoas somos. Falamos dunha empresa grande, pero que, debido á súa recente creación, ten uns pés que necesitamos reafirmar. Por iso as axudas son tan importantes para nós: porque axudan a dinamizar os negocios dos nosos clientes, e tamén a medrar nós mesmos.

-Imprescindible estar nun polígono industrial para vostedes.

-Está claro que ou apostas por estar na Coruña, ou por tirar para a casa. Eu nacín en Ponteceso -a miña nai é profesora no instituto, de feito- e nalgún momento tes que volver, o que tes que elixir é cómo volves. Nós tiñamos claro que queriamos estar nun lugar que nos ofrecese as posibilidades e infraestruturas para medrar, e nun espazo no que crear sinerxías con outras empresas. En Ponteceso temos uns servizos de calidade, como a mellora en Internet que se fixo hai pouco e que permite facer moitas xestións de forma remota. Hai un bo subministro eléctrico, seguridade... O contorno de Ponteceso non merece que cada un plante un galpón onde lle dea a gana.

Ponteceso, Bergantiños e toda a Costa da Morte merecen que máis xente achegue a súas ideas a empresas que axuden a desenvolver de xeito sostido o contorno.