«Estaba agardando por esta función. Ten moito significado»

«Fillos do Sol», obra sobre os últimos anos de Pondal, chegará esta noite ao Ciclo de Teatro de Ponteceso, que celebra 25 anos. Fala Cándido Pazó, autor e director da peza


CARBALLO / LA VOZ

O 25.º Ciclo de Teatro de Ponteceso recibirá hoxe (22.30, Edificio das Escolas, 3,06 euros) á compañía Contraproducións e á súa obra Fillos do Sol. Unha representación especial, sen dúbida, dado que esta é a terra do protagonista da obra, o poeta Pondal. Falou onte en Radio Voz o director da peza, o recoñecido Cándido Pazó.

-Doble presenza terá Contraproducións no Ciclo de Ponteceso, en realidade.

-Si, por un lado está Fillos do Sol, sobre os últimos anos de Pondal. Por outro, Commedia: hai 25 anos que se fixo e que se representou en Ponteceso, así que esa coincidencia tamén xustifica a presenza dese espectáculo [o vindeiro sábado, día 17].

-«Fillos do Sol» vén á casa.

-Estaba agardando esta función, porque ten moito significado. É bonito que o texto soe en terreos pondalianos.

-Como director e autor, crear a obra sería unha aprendizaxe.

-No meu caso, sen dúbida, porque eu non era nin moito menos unha persoa especialista en Pondal. Dentro do Rexurdimento, confeso, sabía máis de Curros ou de Rosalía. Cando se me pide por parte do FIOT de Carballo e máis da Fundación Pondal que escriba sobre isto, púxenme a bucear esa obra para empaparme e atopar un fío do que tirar.

-¿Que acollida está tendo?

-Moi boa. Penso que conseguimos o que eu pretendía, que a peza fose horizontal tocante ó público, que puidese interesar ao máis intelectualmente formado, pero tamén a outro máis básico por así dicilo. Forxar unha relación, reflexionar e divertirse a un tempo co espectáculo, de xeito que fose o máis democrático posible en termos de recepción.

-«Commedia» foi representada, como dixo, na primeira edición deste Ciclo de Teatro.

-Foi! E está por alí o carteliño, que simpático! Deuse a coincidencia de que o Ciclo fai 25 anos e nós tamén. Incluso hai outra máis, o protagonista é de Corme. Queren en Ponteceso facer un auditorio, e nós animámolos. Iremos nesta ocasión ao edificio das escolas, pero non importa o lugar se hai boa disposición por parte dos actores, e haina, e por parte do público, que tamén sei que vai haber porque temos estado alí noutra ocasións. Tendo isto, un converte nun teatro calquera lugar.

-¿Que é «Commedia»?

-Un espectáculo de comedia dell’arte, ese xénero italiano. Un espectáculo moi divertido e de estética moi visual, con moita música en directo. Non hai idades para disfrutar del.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

«Estaba agardando por esta función. Ten moito significado»