Se vivira Pondal habíadelo de oír

Lois G. Carballido TRIBUNA ABERTA

PONTECESO

26 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Segundo o último informe da Axencia Tributaria sobre renda dispoñible por ano, Ponteceso ocupa o lugar 128º de Galicia, con 15.438 euros.

Un ano antes estabamos no posto 153º, polo que ultimamente imos a mellor, pero está claro que nos atopamos nun lugar moi desfavorecido para un concello da costa de Galicia.

A Xunta acaba de publicar o proxecto de orzamentos para 2019. Como nos últimos tres anos, Ponteceso non aparece en absoluto con ningunha partida finalista.

Hai que poñelo ben clariño: o goberno do PP na Xunta de Galicia, e os seus cómplices no PP de Ponteceso, son os únicos culpables disto. Os veciños e veciñas de Ponteceso non fixemos nada malo para que a Xunta nos someta a un auténtico apartheid orzamentario.

Temos grandes necesidades de investimento en infraestruturas, industria, saneamento, portos e emprego. Pero a Xunta non ten un plan para a nosa comarca, por iso tantos concellos están no grupo daqueles con menor renda de Galicia.

Malpica no 174º. Coristanco no 179º. Laxe no 180º. E Cabana no 189º. Nin sequera aqueles máis próximos á área metropolitana como A Laracha e Carballo baixan do posto 85º.

Mentres a Xunta de Galicia segue enterrando millóns de euros en pintar un país de anuncio Bergantiños é a derradeira das prioridades para eles. O PP sempre foi un partido de caciques, por iso non fan un reparto xusto e transparente dos fondos, como fai a Deputación da Coruña co Plan Único.

A fenda entre concellos ricos e pobres vai a máis: este ano noutro edificio inútil do Gaiás van meter 17 millóns de euros, e van xa trescentos millóns. Case tres millóns para remodelar San Caetano, o edificio dos funcionarios e os conselleiros, ese centro de poder que vive de costas a nós.

A Xunta é tan indolente con Bergantiños que deixou quebrar unha empresa de 50 empregados cun valor engadido enorme, como Aplihorsa, sen unha soa reunión do conselleiro. Se vivira Pondal habíadelo de oír.

Lois García Carballido é alcalde de Ponteceso e voceiro do grupo municipal do Partido Socialista.