Ana González Chouciño: «Agora redescubro esta paisaxe»

Santiago Garrido Rial
s. g. rial CARBALLO / LA VOZ

PONTECESO

Ana Garcia

É galerista e ademais divulga o panorama cultural español en Escocia

25 oct 2018 . Actualizado a las 12:38 h.

Ana González Chouciño (1981) ten raíces familiares en Ponteceso, onde está precisamente estes días, aínda que reside habitualmente en Edimburgo. Historiadora da arte, dedícase sobre todo á cultura, como galerista e tamén na divulgación a través de Brit Es Magazine. O espectro do seu traballo é moi amplo.

-¿Como define o seu labor?

-Levo oito anos en Edimburgo e hai seis que tres persoas e mais eu creamos Interview 11. Somos unha organización sen ánimo de lucro, e debido a iso o Concello cedeunos un vello supermercado abandonado. Xestionalo é todo un reto, xa que se atopa nas aforas e apenas temos presuposto, pero varios compañeiros construíron alí estudos para artistas a prezos moi baixos (nunha cidade na que se agradece, debido aos altos alugueres), e un pequeno espazo expositivo. Debido ao traballo que conleva enos imposible manter un programa permanente, pero seguimos a facer proxectos expositivos puntuais. E estou tamén a traballar con Brit Es Magazine. Xa hai anos que colaboro de maneira puntual, escribindo artigos sobre o panorama cultural español en Escocia, pero desde hai catro meses a nosa colaboración é moito máis intensa. Comezou como unha publicación on-line, e xa se publica en papel e está a piques de presentar o terceiro número da súa colección de foto-libros, unha coedición coa prestixiosa marca Leica UK, baixo o título de Dystopia. Un foto-libro sobre o proceso de creación da artista coruñesa Susana Sanromán, que se presentará en Londres o primeiro de novembro, coincidindo coa inauguración da nova exposición de Sanromán Present Imperfect. Future Tense. Facemos tamén xestión de proxectos culturais en Londres, e niso estou con eles, entre o mundo editorial e a produción de eventos.

-Hai un tempo falábase de que podía ser unha ponte artística entre Galicia e Escocia. ¿Pódese dicir que segue niso?

-¡Iso intento! Aínda que non sempre é doado... Ata o momento seis artistas galegos viñeron ata Edimburgo para realizar un proxecto na nosa galería. Teño que agradecer a súa infinita paciencia porque as condicións non sempre foron as ideais, pero non nos faltaron ilusión e ganas así que sempre quedamos contentos co resultado. O primeiro que lles pedía é que basearan o seu traballo co contexto máis próximo á galería: xa tivemos tres localizacións, así que estes seis traballos nos deron unha nova perspectiva da cidade que nunca atoparemos nas guías tradicionais. E iso foi posible grazas a Acción Cultural, a Embaixada, e a colaboración de pequenas empresas sitas en Escocia. Pero os medios seguen a ser poucos e dependemos totalmente das subvencións, o que causa moita incerteza.

-As súas raíces están todo en Bergantiños. ¿Esa relación vai a máis ou a menos?

- Pois cada vez máis. Aínda que nacín na Coruña toda a miña familia é de Ponteceso e desde pequena sempre pasei moitas tempadas aquí. Pero todo se acentuou desde que naceu o meu pequeno, que ten xa 4 anos. Dáme pena que non poida crecer cos seus avós, así que, mentres antes dividía as miñas vacacións entre familia e amigos, agora intento que Xurxo pase o maior tempo posible en Cores, onde vive o seu bisavó. Pero non é só por el, eu tamén o estou disfrutando. Cada vez agradezo máis esta tranquilidade, e estou a redescubrir unha paisaxe na que antes apenas reparaba, coa súa beleza e tamén cos seus defectos, que non deixan de ser parte de nós.

-¿E como ve a vida en Edimburgo? ¿Vai ser o seu lugar definitivo ou vese en Galicia de novo?

-Non me vexo en Edimburgo como sitio definitivo, pero por desgraza tampouco en Galicia, nin sequera en España. Para empezar, xa non son eu soa, somos tres e debemos atopar un sitio no que os tres poidamos desenvolver os nosos obxectivos da mellor maneira posible. Por outro lado, sigo sen ver unha saída laboral na miña terra. Quero, iso si, seguir vinculada a Galicia, e oxalá poida ser por medio da arte.

-¿Aínda se pode a emigrar a Escocia? É un destino do que sempre se fala moito, e con moitos galegos, pero as cousas cambian. ¿Ou non?

- Si, aínda se pode emigrar a Edimburgo. Segue a haber traballos e, en canto ao Brexit, eu decidín non preocuparme ata que eles se aclaren. Pero tamén hai que ter en conta que as cousas, aínda que bastante mellor, tampouco son demasiado doadas. Pódense atopar traballos, incluso cun baixo nivel de inglés (limpando hoteis ou fregando platos). Cando o inglés mellore as condicións tamén mellorarán, e tamén os soldos, pero case todos os traballos son relacionados co sector servizos. Traballos ben pagados cos que se pode vivir moi dignamente, pero o problema ben á hora de atopar traballos cualificados e relacionados co teu campo laboral. Eu, oito anos despois, sego sen conseguilo. Outro problema son os prezos dos alugueres, disparados, entre outras cousas, porque Edimburgo é unha cidade cada vez máis turística e chea de estudantes. Se ademais o obxectivo é aprender inglés, recomendo calquera outra cidade de Escocia.