Vendima, escuncha e regueifa no CRA pontecesán

La Voz

PONTECESO

Uns 70 rapaces vestidos de época participaron onte dunha xornada do máis enxebre no centro de ensino

05 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Como se leva facendo de hai xa uns anos, e no marco do programa Voz Natura, no CRA de Ponteceso viviron onte unha mañá de inmersión na cultura e nos costumes tradicionais galegos.

Os pequenos dos oito centros que xestiona este Colexio Rural Agrupado (6 de Ponteceso e 2 de Malpica) aprenderon onte a vendimar, a escunchar o millo e a regueifar, isto último da man dunha veciña do núcleo da Campara, que se achegou ao colexio para compartir os seus coñecementos na materia.

«Colgámoslles uvas no patio do colexio para que as recollesen eles mesmos e viran como é todo o proceso da vendima. Tamén trouxemos millo para que escunchasen e debullasen, e ademais démoslles unha merenda de boroa e chocolate», explicaba onte a coordinadora do proxecto, Esther Pérez Díaz.

Vestidos de época -tanto docentes como alumnos de idades comprendidas entre os 3 e os 7 anos- gozaron dunha xornada de convivencia e diversión que repiten cada ano. «Imos perfeccionándoa co paso das edicións», sinalaba Pérez.