Arranca no Couto a segunda edición da Universidade do Rural

La Voz

PONTECESO

Ana Garcia

Artesanía, manualidades, informática, lectura, dramatizacións e xogos terán cabida ao longo do curso, cando se celebrarán reunións semanais cada venres á tarde

05 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Por segundo ano consecutivo, e tralo éxito colectado na anterior edición, arranca hoxe mesmo en Ponteceso a Universidade Rural Aldea do Couto, unha iniciativa que persegue o coñecemento universal en tódolos rangos de idade. Solidariedade, axuda, pensamento colectivo e calma son os catro piares nos que se sustenta a filosofía do proxecto, avalado pola Consellería de Política Social.

Comezan hoxe mesmo, en horario vespertino, aínda que a de hoxe non deixa de ser unha sesión introdutoria na que se poñerá sobre a mesa a mecánica de traballo, as diferentes actividades que contén o programa formativo e as dúas saídas que se realizarán ao longo do curso. Unha delas será a Mondoñedo, o día 21 deste mes; a outra, a Santiago, o 25 de novembro.

Para facilitar a asistencia a todo aquel que o desexe, as clases celebraranse sempre os venres, de 16 a 20 horas (horario variable en función da sesión ou da saída que toque) na Casa dos Veciños do Couto (Ponteceso).

Artesanía, manualidades, informática, lectura, dramatizacións, xogos, actividades de memoria... Todo ten cabida neste programa, que se interrelaciona, ademais, con outras iniciativas afíns como as aulas científicas da Fundación Pondal ou Literatas.

Teresa Lema, Teresa Seara, Teresa Castro, Yago Espasandín, Ricardo Rico, Luís Facal, Ismael López, Brais Souto, David Pérez, Julia Ures, Alba Mato, Adrián Varela, David Ballesteros, Tamara Lema e Xosé María Varela son só algúns dos nomes propios que, mediante a súa colaboración desinteresada, fan posible este proxecto, ao que poderá sumarse todo aquel que desexe impregnarse dun pouco de coñecemento. Lembren: hoxe, presentación ás 16.00.