«Os percebes de aquí son como a xente, brava, pero forte, ante o amor e a guerra»

Conta a actriz Isabel Blanco, pregoeira este ano da Festa do Percebe, que en Corme mestúranse para ela a maxia da ficción e a da realidade

.

CARBALLO / LA VOZ

A actriz Isabel Blanco (Berna, 1974), embarcada no proxecto televisivo Malo será, ten ben claro que non todos os pregóns son iguais. Hainos especiais. Mañá, será a encargada de pronunciar o da Festa do Percebe de Corme, e este entra no terreo dos sentidos. «O percebe é un símbolo tan noso, da nosa identidade, de forza, de espírito, de corazón potente... », valora. Boa coñecedora da comarca de Bergantiños, asegura que ten empatía «familiar e persoal» con esta terra: «Creo moito na súa xente». Ninguén puido esquecer á María de Mareas Vivas. Ela tampouco.

-¿E a súa relación con Corme?

-Hai un cariño moi especial con Corme por ser o pobo que aparecía sempre con Portozás, pero que non era Corme, ¡era Cormelle! Aínda me pregunto hoxe [ri] como non hai un indicador de entrada en poboado, que é como se di na autoescola, que poña «Benvidos a Cormelle». Debería poñerse, ¿non? Foi unha ficción que bateu todos os récords de audiencia, coa que recibimos tres anos seguidos os premios GECA á máxima audiencia en Madrid. Foron das primeiriñas que o petaron tanto. E en realidade, grazas ao amigo Miguel de Lira, ¿os percebes como eran? ¡Coma puños! Teño que mencionalo a el, porque ademais de compañeiro, é un mestre da interpretación. Xente que é xente, dito así, e os da costa entenden moi ben isto.

-Logo, a Festa do Percebe, supón para vostede volver a ese Cormelle.

-Ten unha maxia marabillosa, porque se teño identidade dalgún lugar, é desa comarca. Teño familia preto, en Cabana. Recentemente, tamén dende esa zona, chegoume o premio Boa e Xenerosa. Moitísima da xente coa que eu me criei en Suíza, na emigración, era desa comarca. Tamén tiven na miña vida unha persoa moi especial que era de Corme, el e a súa familia toda. En certa maneira, isto tamén é un tributo a el, un home de mar. Por tanto, algo para min moi especial, a nivel familiar, a nivel sentimental, a nivel artístico. Apórtame moito este pregón: non me dá igual dar un que outro, eh, non me dá igual. Todos son bonitos, porque tes aí a xente que te segue en televisión, e é un público que realmente é o que te sitúa aí e ao que lle debemos todo, pero aínda por riba neste caso signifícame moito a nivel emocional, e xa digo, tanto na realidade como na ficción.

-Falando do pregón, aínda que non desvele todo... ¿Que contará? ¿Lévao preparado? ¿Improvisará?

-Agora mesmo estou empezando unha andaina televisiva, con ensaios bestiais toda a semana. Acabo de chegar de Madrid, o luns, e estou preparando unha serie... Realmente vou intentar ser moi riquiña [ri]. Levo todo este tempo pensando, e eu sempre escribo, porque me gustan os escritos. Procuro facelo sempre da miña colleita e, polo que acabo de contar, o pregón vai ir todo en torno ao meu vínculo con Cormelle e tamén con Corme, onde a maxia da ficción e da realidade se mesturan dun xeito especial. A Festa do Percebe non só é unha festa gastronómica, senón que enxalza unha identidade e, por sorte, a xente de Corme aínda ten a sorte de se conservar co espírito que teñen, coa súa fala, nun mundo tan globalizado. Gustaríame que por máis que o turismo avance e que Lourenzo empece a iluminarnos coa súa luz, que por favor esa luz non queime a nosa, a nosa esencia. Agradecer nese sentido os nosos percebes, ¡os doutros sitios parecen fiúnchos! Unha vez estaba en Marrocos e en Casablanca puxéronnos algo moi especial... Cando o destaparon e vin aqueles percebes, dixen eu: ¡Si que pasaron fame! ¡Non debeu de haber ningún mar! En cambio, os percebes de aquí son como a xente, brava, pero forte, ante o amor, ante a guerra e ante todo. Xente de espírito forte, así que que nada modifique esta fortaleza que nos une como pobo e identifica. Apelar, pois, a crer en nós. Longa vida á Festa do Percebe, que se escoite en moitos sitios e retumbe onde teña que retumbar.

-Gústanlle os percebes, deduzo.

-¡Pois mira, gústanme e ademais podo tomalos! Que hai xente que, como teñen moito sal... E bueno, tamén consigo comelos sen xiringar a ninguén: iso significa que xa sabes comer os percebes dende hai moito tempo [ri]. Cando lles explico aos estranxeiros como comelos, faime graza porque acaban manchados dunha cousa como laranxa. ¡Iso é que é bo o percebe!

Mañá, ás 13.00 horas. A 26.ª edición da Festa do Percebe de Corme quedará inaugurada ás 13.00 horas, co pregón de Isabel Blanco. Esta celebración será, tamén, un dos primeiros actos institucionais do novo delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada. Hoxe, dende as 17.00, haberá xa unha tirolina dispoñible.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

«Os percebes de aquí son como a xente, brava, pero forte, ante o amor e a guerra»