«O importante para ser competitivo é baixar os custes de produción do leite»

Santiago acolleu estes días un congreso que xuntou a 400 gandeiros de toda Europa. Xusto Sánchez é o presidente da entidade European Dairy Farmers


Carballo / La Voz

Xusto Sánchez (Langueirón, Ponteceso, 1955) é gandeiro e presidente, a nivel español e galego, da entidade European Dairy Farmers (EDF), que estes días celebrou en Santiago de Compostela o seu congreso técnico anual. «Let’s walk along the milky way together», reza con perspicacia o lema deste ano. Debateron sobre custes de produción, benestar animal, marketing e todo tipo de cuestións técnicas do sector. Visitaron granxas, celebraron reunións de socios e mesmo cearon ao redor dos apeiros típicos.

-Multitudinario encontro o que tiveron estes días en Santiago.

-Pois si, finalmente acudimos cerca de 400 persoas, e de 21 países diferentes. Fundamentalmente falamos de temas técnicos do sector: custos de produción, sanidade animal, farmacoloxía... Tivemos tamén algún que outro taller e varios workshops.

-Saería tamén a colación as diferenzas nos prezos do leite.

-Realmente non foi o tema principal das xornadas, nin moito menos. Habendo uns custes de produción baixos podes ser competitivo aínda que o prezo do leite non sexa demasiado bo. Precisamente nestas xornadas exploramos cales son os puntos fortes e fracos de cada país neste sector.

-¿De que adoece o galego?

-Probablemente no que se refire á alimentación.

-¿Centraron toda a actividade do congreso en Compostela?

-Na primeira xornada tivemos máis ben conferencias e charlas, pero nos dous seguintes días dedicámonos sobre todo a facer visitas por diferentes explotacións de Galicia. Visitamos, por exemplo, a SAT Busto Corzón de Mazaricos, e tamén viñemos ata Langueirón, por suposto.

-Alí acolleron unha auténtica «cea de gala».

-Todos os congresos recollen no seu programa unha cea nunha granxa, evidentemente que teña as condicións necesarias para acoller a un certo número de xente, que sexa máis «o xeito». Polo xeral adecentamos uns cabanotes e ben nos serve, non é como se fose nun restaurante! Ceamos entre a palla, o penso e todos os apeiros que teñamos!

-Moi autóctona.

-¡Unha cea integrada! [rise]

-Suporá tamén unha responsabilidade levar a voz cantante.

-Os que levamos tempo nestas cousas xa imos estando máis ou menos acostumados a como son esas «foliadas». Ademais, despois de tantos anos xa vas coñecendo aos que son asistentes asiduos e é unha experiencia da que sacar moita aprendizaxe, pois cada ano faise nun país distinto e visitamos moitas granxas e vemos moitos modelos de produción diferentes.

-¿Serven para tomar nota aquí?

-Sempre que se sae da casa -e se leva a mente aberta- cóllense ideas e apréndense cousas novas.

-Neste caso, xogaron na casa.

-En efecto, e tivemos moita sorte, xa que Santiago é un lugar idóneo para facer este tipo de eventos, pola súa infraestrutura, pola súa oferta de aloxamento e pola proximidade a un aeroporto. Fixo que os asistentes se sentisen moi cómodos en todo momento.

-¿Recomendaría esta experiencia a outros gandeiros galegos?

-Se levo 12 anos acudindo, loxicamente é por algo. Está claro que depende de cada un e do que estea disposto a aprender. Tamén limita algo o feito de que sexa un congreso en inglés.

-¿Como se defende vostede?

-Pois, como podo! [rise] Pero vanme entendendo, e así tamén nos vale para aprender idiomas.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

«O importante para ser competitivo é baixar os custes de produción do leite»