«Vou seguir todo o que se poida. O Corme deume moito»

Melissa Rodríguez
melissa rodríguez CARBALLO / LA VOZ

PONTECESO

ANA GARCIA

Suso da Torriña será galardoado mañá a nivel galego pola súa dedicación altruísta ó fútbol durante 38 años

28 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

É coñecido por todos os xogadores e admirado polas gradas. Falamos do fútbol da Costa e de Jesús Figueroa, Suso da Torriña en referencia á súa casa na ribeira do porto (Corme, 1959). É agora, con 58 anos, secretario, coordinador deportivo de base e delegado do equipo sénior do Corme CF, pero hai 38, fixo o máis importante, fundar o club. Por todo iso, e ben máis, que él mesmo explica a continuación, a Real Federación Galega de Fútbol e a Asociación de Clubs Galegos de Fútbol recoñeceranlle o seu enorme labor mañá, ás 20.00 horas, na Gala do Fútbol Galego que se celebrará en Compostela.

-¿Que lle parece isto?

-Vai ser a primeira vez que recibo un recoñecemento a nivel galego, pois só o ano pasado, na comarca, me consideraron o mellor delegado. Sinceramente, non o esperaba nin penso que o mereza máis que outra tanta xente que algunha vez, ou aínda agora, se envorca con estas cousas. Acompañarame o presidente e o adestrador do equipo sénior, e se cadra, algún máis que se interesou, aínda que eu intentei que non viñesen porque xa lles dixen que tampouco era nada do outro mundo, porque ó acabar regresarei a Corme [ri].

-¿Como naceu o Corme?

-A min colléronme moi novo, collín eu a outros moi novos, e seguín. No 1980, un grupo de amigos decidimos federar un equipo de Corme, porque había moitos rapaces que despuntaban e a única saída que tiñan era xogar no Ponteceso. E dende aí ata agora, seguín enganchado. Son profesor de primaria e levo 23 cursos impartindo inglés en Corme, pero antes, cando traballaba fóra, non era como agora. Había que esperar ata as fins de semana para dedicarlle tempo ó club.

-Por aquel tempo, daquela, aínda non existía a rivalidade entre os dous pobos...

-Xogabamos no Ponteceso e estabamos moi contentos. A tontería esa, que algún aínda pode ter na cabeza, veu despois.

-Pasou por todos os cargos cantos hai.

-Nos anos 80 tiven que facer de moitas cousas: de tesoureiro, secretario, encargado de material, subministrador do bar, encargado da limpeza, levar xogadores dun lado a outro... E cando mudaron os tempos, de adestrador, coordinador, ambulancia e de encargado da loxística e burocracia do club, de facer socios e de relacións institucionais. E hoxe en día son o secretario, o coordinador de base e o delegado do equipo sénior, aínda que sempre teño o ollo en outras moitas cousas. Pero xa hai moita xente detrás.

«É moi satisfactorio dicir: “Ti xogas no Corme porque si e non porque che pagan”»

Suso mantén as ganas de hai 38 anos. Cumprirá, seguro, outra media vida no Corme.

-¿Botará outros tantos anos?

-Vou seguir todo o que se poida, claro que si, porque eu continúo gozando. O Corme deume moito, xa que se non fose por el, non coñecería a metade das persoas coas que fixen amizades. E o que máis agradezo é que ese cariño o estendesen á miña xente, á miña familia e ó meu pobo. Pero non cabe dúbida de que xa teño relevo. Alejandro Torrado, que naceu en 1975, comezou a xogar nos 90, con 15 anos. De modo que leva, agora, 28 tempadas xa. Ademais, é adestrador de base e envórcase sempre moito. Vaime pasar a min en veteranía no Corme a este ritmo.

-¿Non ten relevo familiar, entón?

-Os meus dous fillos, teño unha rapaza tamén, xogaron, pero non chegaron a despuntar. Botan unha man sempre no que se pode, pero teñen os seus traballos e eu entendo que non todo o mundo pode dedicarlle tanto tempo.

-A día de hoxe, o Corme continúa coa ilusión do primeiro día, aspecto que é de admirar.

-Intentámolo. A xente dinos que traballamos ben, pero eu tamén penso que tivemos sorte. Logramos que en tantos anos o club non caese en tentacións que outros equipos da volta si caeron. É un mérito ó que eu lle chamo manter a pureza do fútbol afeccionado, pois hoxe en día é difícil non pagarlle a un xogador. E é moi satisfactorio dicirlle a un fillo ou a un neto: «Ti xogas no Corme porque si e non porque che vaian dar cartos». Sempre fomos un club modesto, con moita xente colaborando de forma altruísta.

-Esta fin de semana incluso organizan o primeiro torneo de fútbol base.

-Tiñamos medo de meternos en torneos cando xa a xente rematou de xogar, pero nós tamén tiñamos que ter o noso e parece que vai quedar bonito. E cando comezamos algo, é para seguir sempre.

-¿Dedicaralle a alguén o galardón de mañá?

-Teño unha netiña, María. E sen dicirlle quen son, tamén llo quero dedicar a José, e a todos os que queren ó Corme. E tamén quero ter un recordo especial para Montse e para Samantha.