Nemeño e os Amarelle: a cacique construtora

Isabel Amarelle Rodríguez manexaba como quería o devir dos seus veciños na aldea pontecesá


Aínda que a memoria popular atribúe á maioría das igrexas parroquiais unha fundación antiga, o certo é que non todas gozan de tanta idade. Moi mal debía de levar os seus anos a pontecesá de San Tomé de Nemeño, pois o seu estado era ruinoso á altura de 1885, segundo sabemos por carta ao arcebispo de Manuel Vázquez Amarelle, cura de San Martiño de Cores e a súa filial Nemeño. Viña de anos atrás a deterioración, xa especialmente grave: «La ruina es ya inevitable y el terror es general. Pero el temor se acrecentó al ser reconocida dicha iglesia por personas competentes, pues las grietas del coro aumentaron considerablemente, y la pared del norte arrastró a la opuesta, inclinándola hacia sí, ya más de una cuarta, de modo que la ruina es ya inevitable».

Solicita o párroco, por tanto, a construción dunha nova igrexa. Afeitos como estamos á exasperante morosidade burocrática («Vuelva usted mañana», denunciara xa Larra por aqueles tempos), impensable sería que a resposta fose hoxe tan rápida: o cura recibe a autorización arcebispal… en menos dunha semana! A explicación é fácil: os cartos para solucionar o problema non sairían dos petos da Igrexa, senón dos de Isabel Amarelle Rodríguez, viúva de Antonio María Varela Moscoso e prima do párroco. Era propietaria do pazo do Porto do Souto, señora e cacique de Nemeño ata a súa morte en 1927, e rival da casa dos Pondal de Ponteceso, aos que conseguiu incluso arrebatarlles a sede do Concello e traelo varios anos para a casa de Veiga en Nemeño. Dos fregueses pouco se podía agardar, xa que, como actualmente, era Nemeño parroquia de minguada poboación, como confirma o crego: «Treinta vecinos, casi todos pobres, y nada pueden dar, como no sea algún día de trabajo».

Préstamo para o templo

Agora ben, dona Isabel estaba disposta a pagar 2.000 reais e unha cantidade a anticipar «a condición de reintegrarse de los fondos del culto tan luego haya los suficientes». «Ayudaría con sus carros y aun los de sus caseros al transporte de los dichos materiales; y además de esto ofreció también poner el dinero para ir pagando a los obreros, pero este dinero lo entiende como anticipo, pues quiere que se le devuelva, aunque sea en pequeñas cantidades, según vayan recibiéndose del gobierno».

Tamén o cura colaboraría con cartos do seu propio peculio. Así quedou estipulado ante o notario de Cabana, Matías Pérez, nunha escritura de convenio entre el e Isabel Amarelle: «La iglesia de esta filial parroquia amenaza inminente ruina, merced a la cual ya había suspendido la celebración de las misas parroquiales, las cuales venían teniendo lugar en una capilla enclavada en la casa morada de dicha señora, propia de ella; que era indispensable su inmediata refección; que esta no podía verificarse en la misma localidad por las condiciones del terreno; que era también necesario elegir otro solar de condiciones higiénicas y que ofreciera seguridad en su cimentación; que para esta obra eran pocos los fondos de la fábrica existentes; que la doña Isabel ofertaba la suma de 500 pesetas». En efecto, a localización do novo edificio tería que ser outra: «El sitio actual no tiene la solidez necesaria, y toda obra allí sería nula», sinala o sacerdote.

É feito constatado polas fontes históricas parroquiais que foron moitos os canteiros pontevedreses que erixiron as igrexas da comarca. Os canteiros locais ben podían con valados, panteóns, cabazos e incluso casas, pero a Casa de Deus eran palabras maiores. Así foi tamén en Nemeño. Interesa a información do recibo de pagamento escrito por Francisco González, mestre canteiro veciño de San Pedro de Baión, «en el partido judicial de Caldas de Reyes», chamado polo cura e a súa curmá, para construír a parroquial, «demoliendo la vieja, que amenazaba ruina y aprovechando los materiales de servicio». E conclúe o canteiro: «Se demolió la iglesia antigua, se hizo la nueva, que está hoy al culto, aprovechando de aquella todo lo que creí de servicio y poniendo el resto nuevo». O custo: 18.138 reais. O cura pagou 3.973; a súa prima, 14.165. O documento asínase, por duplicado, na casa do Porto do Souto, «en la habitación de la doña Isabel», ante tres testemuñas: unha de Cores, José Torrado Castro; e dúas de Nemeño, Manuel Martínez Castro e Antonio Castro Cousillas. Corría novembro de 1887. Xa era unha realidade a nova igrexa, a rentes da estrada actual a Malpica; a desaparecida atopábase preto do pequeno e vello camposanto, na outra marxe da vía e nun fondal.

Elementos aproveitados

Non só se aproveitaron moitas cantarías, feito evidente. Unha década antes da edificación da nova igrexa xa existían os dous retablos colaterais que hoxe vemos, o cal significa que proceden da vella, e xa entón era reitor o curmán de dona Isabel. As inscricións non deixan lugar a dúbidas: «Se hizo y pintó en 1876 siendo cura D. Manuel Vázquez Amarelle. Lo pintó Francisco Mayán y sus dos hijos. Noya», lemos no retablo colateral da Epístola. No do Evanxeo: «Se hizo y pintó en 1876 siendo cura D. Manuel Vázquez Amarelle».

O pintor ceense Mayán deixou, por certo, moita obra en toda a Costa da Morte, como indican as investigacións de Xosé María Lema e Eva López. Pero o máis fermoso -alguén o sabe?- é que un elemento tan simbólico como a campá da vella igrexa de Nemeño inda existe: silenciosa e paciente, observa a xenerosa agra desde o campanario de Cores. No seu estragado bronce lemos: «San Tomé de Nemeño. 1769». Dous séculos e medio de campá: unha das máis antigas de toda a contorna; se cadra, a máis antiga.

Dous anos máis tarde, en 1889, procederase no novo templo á erección canónica dun Santo Viacrucis, bendito e colocado polo cura de San Tirso de Vilanova, Leonardo Toja Rodríguez, en calidade de arcipreste de Seaia.

Aínda quedan ecos nos maiores

Boa era Isabel Amarelle, tras promover a construción dunha nova igrexa, para non mirar pola súas necesidades piadosas. Unha carta de 1903 enviada desde o arcebispado ao cura de Cores e Nemeño informa dunha «capilla construida en su casa de Nemeño, anejo de Cores», que viña substituír á que fora concedida había anos polo arcebispo. Sabemos que «tiene puerta a la vía pública, está dotada de ornamentos y vasos sagrados para el culto divino». Finalmente, a autoridade compostelá concede o plácet a esta capela privada: «Venimos a facultar y facultamos al arcipreste de Seaya para que bendiga la capilla expresada y quede esta abierta al público sin perjuicio de los derechos parroquiales, obligados a no destinar jamás a otros usos la capilla y a sufragar los gastos que origine la reparación de la misma». Consérvanse aínda o soar e a porta á rúa desta capeliña, refundada con respecto e gusto exquisitos noutro lugar do pazo e co mesmo mobiliario polos seus propietarios, Sonia Vila e Luís Rogina.

Influencia social

Rematemos cun feito anecdótico que amosa ata que punto dona Isabel gozaba de influencia entre os seus humildísimos veciños, e non só como promotora. En breve nota ao seu «estimado primo» o cura, escribe coa súa moi deficiente ortografía desde «Santo Mé»: «Los de Camiño de Cores interceden para que te sirbas unirlos con lazo yndisuluble hoi por la noche, si esto pudiese ser y note compromete». Parece que o sacerdote impedira un matrimonio: «Como está mandado que los que se ausentan del país, en cuyo caso estaba Perfecto Doldán, porque estuvo de soldado en La Habana, presenten al Señor Provisor su licencia para examinar las firmas y el Perfecto no lo hizo, detuve su casamiento, pero como se ve en esta respondió mi prima Isabel Amarelle y también afianzó el padre de Perfecto. Si hay pues algún disgusto, ellos que lo arreglen». Dona Isabel en estado puro: sempre eficiente removendo atrancos. O máis curioso é que aínda nos máis vellos do lugar quedan ecos dela.

Nunha investigación sobre memoria oral, á alumna Eva Carril Castro -natural de Cores- súa avoa Carme Vidal díxolle dela que era «unha auténtica cacique e que ordenaba ata con quen se tiñan que casar os veciños». Máis dun século despois, a devandita carta concorda bastante con esta lembranza.

Todo un personaxe esta Isabel, salsa de todos os guisos, alcumada con razón a Sultana… Unha muller de armas tomar.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
8 votos
Comentarios

Nemeño e os Amarelle: a cacique construtora