Homenaxe a Mosqueira Manso no 50.º aniversario da súa morte

La Voz CARBALLO / LA VOZ

PONTECESO

ANA GARCIA

Celebrouse onte en Ponteceso

19 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Lucho Penabade, actor de Os Quinquilláns, converteuse onte en José María Mosqueira Manso, no cincuenta aniversario da morte do científico, ictiólogo, cartógrafo, biólogo, historiador e mariño nacido en Corme. A homenaxe a este cormelán, que morreu exiliado en Caracas o 18 de maio de 1968, celebrouse no marco das Festiciencias que organiza a Fundación Pondal en colaboración coa asociación Monte Branco e outras entidades do Couto (Ponteceso).

Asistiron a este recoñecemento estudantes de infantil e ensino medio de centros de toda Galicia. Lucho Penabade realizou catro pases.

Mosqueira Manso naceu na vila cormelá o 17 de outubro de 1886. O actor de Os Quinquilláns representouno como un humanista explorador e aventureiro, e foilles relatando aos rapaces con grande adorno escenográfico o intenso labor levado a cabo polo científico, como as cartas náuticas, tanto de costas españolas como da República Dominicana e Venezuela, as cartas pesqueiras, as descubertas dos mexillóns xigantóns e as tartarugas albinas do Orinoco. Nun monólogo dunha media hora foi relatando o perfil biográfico, aventuras e descubertas. A súa relación con Trujillo ou cos indios piaroas. Penabade dá mostra de terse documentado moi ben sobre o personaxe e foi adobiando todas as referencias con materiais e escenografía que atraeron a atención dos rapaces sobre Mosqueira, que tamén fundou o Lar Galego en Venezuela.