«A ciencia pode ser divertida»

A xornada da Festiciencia, celebrada onte no Couto, en Ponteceso, foi todo un éxito


carballo / la voz

Ciencia, cultura, enxeño, letras e festa ían da man onte no Couto, en Ponteceso, onde se celebrou a Festiciencia, unha iniciativa lúdica e educativa en paralelo ás Festiletras, e levada a cabo pola propia Fundación Eduardo Pondal, a Fundación Española para a Ciencia e Tecnoloxía, os Grupos de Desenvolvemento Rural e a Deputación da Coruña.

Alumnos de toda Galicia

«Xuntamos rapaces de Ourense, Santiago, A Coruña, Cambre e, sobre todo, da comarca, o que era a nosa prioridade», explicaba onte pola tarde David Ballesteros, o director técnico destas aulas. Así, preto de mil alumnos chegados de toda Galicia participaron de espectáculos, obradoiros e visitas guiadas pola praia, ademais de presentar os seus proxectos científicos en postos situados en tres enclaves diferentes desta vila pontecesá: no areal de Balarés para o alumando da ESO, bacharelato e ciclos formativos; na casa dos veciños, para escolares máis pequenos; e nas carpas habilitadas fóra desta última, onde se xuntaron pequenos e maiores para gozar dunha mañá e tarde ateigadas de troula e, sobre todo, de aspiracións científicas.

«Cada grupo tiña o seu expositor, desde onde explicaban o seu proxecto aos colexios que viñeron de visita. A estes últimos tamén lles preparamos talleres e espectáculos de ciencia para fomentar as relacións entre uns e outros», resume Ballesteros. Tratábase, engade David, de amosarlles iniciativas sinxelas que eles mesmos puideran trasladar aos seus colexios. Cre que quedaron satisfeitos coa idea de que a ciencia pode ser divertida, e mesmo facerse no medio da praia, «algo imprescindible e vital para a rapazada e que se debe potenciar máis».

Recoñecemento aos proxectos científicos

 

 

Tras defender os seus proxectos de investigación e experiencias científicas durante a mañá de onte, a rapazada asistiu á tardiña á entrega de premios no salón de actos da Fundación, un acto que estivo presidido polo conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, entre outras autoridades. Conde sinalou a necesidade de estimular a aprendizaxe das ciencias en xeral para preparar aos galegos e galegas para o emprego do futuro.

«O xurado valora cinco parámetros básicos: o rigor científico, a comunicación do traballo, o deseño do expositor onde o presentan, a orixinalidade do tema e a autoría, isto é, que non conten con moita axuda dos mestres, senón que aprendan a facelo eles mesmos», di Ballesteros.

Premiados

Deste xeito, o primeiro premio foi para un traballo do alumnado de Ourense, que versa sobre os sistemas tecnolóxicos para evitar a morte súbita do lactante, isto é, un berce que monotoriza ao bebé. O segundo dos galardóns quedou na casa ao recaer nun proxecto das aulas da Fundación Eduardo Pondal chamado Cero Lume, un sistema de alerta temperá de risco de incendio. Pola súa parte, os ourensáns resultaron dobremente galardoados, ao recibir o terceiro dos premios polo deseño do seu vaso especial para beber en emerxencias sanitarias. «Trátase de que o vaso depure auga ao beber», explica David Ballesteros, quen engade que este tipo de actividades realizadas no Couto son fundamentais á hora de animar aos rapaces na ciencia: «Todos os estudos pedagóxicos indican que a actividade que máis fomenta as vocacións entre nenos son as feiras da ciencia».

Música e café científico

A tarde de onte completouse cun café científico moderado por Jorge Mira, no que os protagonistas mudaron de cativos a maiores. «Trátase dun coloquio científico con chocolate e larpeira», explicaba onte Xosé María Lema, xerente da Fundación. Xa pola noite, a casa dos veciños acolleu unha clase maxistral do artista vasco Xabi Solano, e a actuación das Tanxugueiras, unha formación que está revolucionando a música galega, gañando cada vez máis e máis seguidores. Foi a súa primeira vez no Couto, onde tocaron algúns avances do seu novo traballo discográfico, que teñen previsto presentar o 3 de xuño en Compostela.

«As actividades que máis fomentan a vocación nos nenos son as feiras da ciencia»

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

«A ciencia pode ser divertida»