Comeza a Festa da Ciencia no Couto

Ao amparo das Festiletras, bota a andar a primeira edicion de Festiciencia: será hoxe e mañá


CARBALLO / LA VOZ

Un soño feito realidade é o que comeza hoxe no segundo día das Festiletras do Couto, en Ponteceso. Trátase da primeira edición de Festiciencia, feira científica no rural coordinada pola Fundación Eduardo Pondal, con David Ballesteros como director técnico. Ballesteros é tamén o director das Aulas Científico-Tecnolóxicas Isidro Parga Pondal, proxecto pioneiro impulsado dende Ponteceso e con alumnos de diferentes municipios da comarca que veñen colleitando numerosos éxitos, entre eles o de hai tan só uns días en Galiciencia, con Zero lumes. Todo isto motiva. «Temos moita ilusión e pensamos que é unha oportunidade única para dar visibilidade aos rapaces e ás súas inquedanzas», explicou David en Radio Voz. Orgullosos, pois, de ter conseguido «unha feira tan propia da Costa da Morte». «Hai moi poucas feiras de ciencias en España e, que saibamos, ningunha localizada nun pobo tan pequeno», abunda. A maiores das actividades -continuas, entre hoxe e mañá-, Ballesteros menciona o entorno: «É marabilloso, unha situación de feira nada habitual. Normalmente son no centro de cidades ou en parques tecnolóxicos, espazos moi diferentes a este noso, non tan asociados ao rural e a Galicia».

Non nega que deu traballo chegar ata aquí, pero por fin poden dicir que «comeza a festa da ciencia». En carpas instaladas diante da sede da Fundación Eduardo Pondal, ata 80 rapaces en corenta estands presentarán os seus proxectos. Está garantida a presenza de máis de mil rapaces galegos, asistindo como público, estudantes das catro provinciais. Esta é unha feira, por outra banda, aberta a todo aquel que queira visitala: «Agardamos que sexa un auténtico éxito», desexou Ballesteros en Voces de Bergantiños.

Ademais das carpas no Couto, a Casa dos Veciños e a praia de Balarés serán outros dos escenarios: «Esperamos ter un tempo moi bo, con moitas actividades ao aire libre». Localización de día e de noite, porque tanto haberá propostas nun tempo coma outro. Festiciencia é un paso máis por achegar a poboación do rural á cultura, ao saber, e toma ese nome pola intención de ligar a feira ao proxecto Festiletras, celebración de artes e letras, creando sinerxías entre un e o outro. En definitiva, un gran encontro creativo para estudantes e público en xeral que pon ao Couto, a Ponteceso e á Costa da Morte no mapa científico. Ceo Aberto, empresa que ofrece o asesoramento, CSIC, concellos da contorna, centros educativos, Fundación Barrié e medios colaboran para que todo isto sexa posible.

A continuación, algúns dos rostros desta xornada de xoves nas Festiletras do Couto: 

Voodoo

Voodoo é un dúo integrado por Maritxinha, no baixo e loops, e por Belém Tajes, no teclado e voces. Tajes está fondamente vinculada a esta comarca, por raíces e crianza en Arou (Camariñas). A formación que hoxe chega ao Couto (concerto ás 13.30 horas, con Terras Gauda) gañou no 2017 o Premio Martín Códax da Música Galega na categoría blues/funk/soul. As súas letras, chegadas dende a música tradicional galega, acaban combinando e fundíndose con elas con ritmos de soul e blues. Así o amosaron xa recentemente na Foliada Solidaria celebrada en Baio.

Yoseba MP

Yoseba Muruzábal é o nome de Yoseba MP, nome artístico deste creador de arte público que se ten popularizado nos últimos tempos polos seus retratos de avoas galegas, a modo de superheroínas. É un dos máximos expoñentes da pintura contemporánea en Galicia e se ben en Ordes o coñeceron pola súa «Greleira», en Carballo non hai quen quede indiferente a «Fina de Carballo», unha muller cunha pataca ao lombo que creou durante o Rexenera Fest. Tampouco pasa desapercibida a súa percebeira no porto de Muxía. Yoseba MP leva xa uns días na aldea do Couto: alí está dando vida a unha nova obra.

Fetén Fetén

«Melodías de Ultramar» é o último traballo de Fetén Fetén, o proxecto musical de Jorge Arribas e Diego Galaz. Traerán ao Couto (hoxe, 20.00 horas) melodías que resultan de composicións propias, unha especie de viaxe pola música popular, tradicional e ata de cabaret. Valses, fandangos, boleros, sonidos mediterráneos, ritmos do Este de Europa... o máis diverso ten cabida para este dúo que tamén sorprende pola súa instrumentación. Violín, acordeón, serrucho, trompeta, metalófono, mandolina... Música para bailar e vivir nas Festiletras.

José Viñas, Ballesteros, mago Antón e Jorge Mira

José Viñas, David Ballesteros, o Mago Antón ou Jorge Mira son algúns dos rostros que hoxe acompañarán o primeiro día de Festiciencia nas Festiletras do Couto. Hai avances que semellan cousa de maxia, dirá Antón, mais pode que sexan cousa de ciencia, afirmará Ballesteros. Os dous liderarán o espectáculo previsto para esta tarde (18.00 horas) na Casa dos Veciños. O baiés Jorge Mira, pola súa banda, xa non precisa presentación no Couto. Fiel seguidor destas celebracións, guiará hoxe unha observación de estrelas dende Balarés (22.00). Esta actividade, en Cabana, é xa toda unha tradición.

O programa de hoxe, ao detalle

DÍA DA INTERNET

Sede da Fundación Pondal

Pola mañá

11.00. Workshop de ciencia cidadá, a cargo de José Viñas. Como crear unha app de ciencia cidadá e as súas posibilidades como ferramenta educativa, usando Epicollet5.

11.00. Fenómenos do rural, con Yoseba MP: arte público.

12.45. Gravación do programa de radio «Efervesciencia».

13.00. Sesión Terras Gauda coa música de Voodoo.

Pola tarde

16.00. Xeocoaching tecnolóxico. Actividade de xeolocalización con formato búsqueda do tesouro, centrado na celebración do Día da Internet. En cada punto do percorrido, deberán os participantes descubrir información que lles permita resolver un acertixo final. Entre outras probas, descubrirán os orixes da Internet, como se chamaba o primeiro día de YouTube, quen era Ada Byron ou como as tarxetas NFC interactúan cos nosos móbiles.

17.00. Yayotech. Espacio formativo -catro horas- no que expertos no manexo de móbiles explicarán como sacar o maior partido aos teléfonos.

NA CASA DOS VECIÑOS

Pola tarde

18.00. «Ciencia ou maxia?», con David Ballesteros e o mago Antón. Un espectáculo que permitirá descubrir algúns dos inventos e descubrimentos que melloraron as condicións de vida da poboación.

20.00. Actuación de Fetén Fetén.

21.00. «A morte coa ciencia»: láser graffiti. Visitas aos municipios implicados dende o solpor, con música e proxección de vídeo que se completarán con graffitis dixitais.

22.00. Ciencia para insomnes. Ás dez da noite, no pinar e na praia de Balarés, yincana de carácter científico. Irán os participantes buscando elementos da táboa periódica.

22.00. Observación de estrelas con Jorge Mira. Actividade que tamén se levará a cabo dende Balarés.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Comeza a Festa da Ciencia no Couto