As Festiletras do Couto botan a andar coa entrega dos Premios Bos e Xenerosos

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

PONTECESO

José Manuel Casal

Marilar Aleixandre, Sés, Xaquín Marín e Quico Cadaval serán os catro galardoados esta tarde

16 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Chegou o día. Hoxe bota a andar unha nova edición, a 36, das Festiletras do Couto, en Ponteceso. Ás 20.30 horas comezará a actividade, con repique de campás, foguetes e a banda de gaitas Inllar. Ás 21.00 iniciarase a entrega dos premios Bos e Xenerosos, que este ano recaeron en Marilar Aleixandre, Xaquín Marín, Quico Cadaval e María Xosé Silvar, «Sés». Poesía e música haberá tamén neste acto, con Sabela Nogueira, Clara Amado e Laura Rey. Os propios catro galardoados deron onte as súas impresións sobre este recoñecemento que abre cinco días de actividade constante: música, artesanía, Festiciencia... ¡xa comeza todo!

MARCOS RODRIGUEZ

«É unha honra, polo título e a asociación que o dá»

«Naturalmente, é unha honra, polo título que leva e especialmente pola asociación que o dá», asegura Marilar Aleixandre (Madrid, 1947), académica e escritora moi vinculada á Costa da Morte. Xa dende a época do Batallón Literario vén mantendo relación co Couto: «Valoro moito o traballo que alí se fai». Ten a data de hoxe reservada dende hai semanas para poder estar na sede da Fundación Pondal. «O traballo desta entidade, dende hai moito tempo e de xeito sostido, é impresionante. Oxalá houbese moito máis así por todo o país», asegura esta académica á que lle gustaría ter máis tempo para escribir. «Estar na Academia e na executiva, se se queren facer as cousas ben, dá traballo. Hai moita demanda de apoio e presenza da Academia, e eu creo, como toda a directiva, que é importante ter esa apertura cara á sociedade», afirma. O contacto cos mozos, como a través do proxecto 21 días co galego, ou mesmo a actualización do Portal das palabras, requiren dedicación. Ve precisa una rede de iniciativas en todo o país: «Se o galego se mantén será por un esforzo colectivo, aínda que naturalmente a maior responsabilidade sería da Administración. Do Goberno galego habería que esperar moito máis». Ve preciso trasladar á xente moza que, en galego, poden facer toda a súa vida: «Nunca tivemos unhas xeracións tan competentes en falar e escribir en galego e nunca tanta xente nova houbo que usase menos o galego na súa vida diaria», alerta. Chama á implicación de todos para cambialo.

Jose Manuel Casal

«O mellor que a un lle poden dicir é que é boa persoa»

A súa familia, o seu amor pola cultura e pola lingua e mesmo o seu xenio son bergantiñáns. Así o asegura a cantareira María Xosé Silvar, Sés (A Coruña, 1983): «Non nacín aí, pero un tamén é de onde son os seus», di sobre Carballo e a comarca. Sente «unha honra» o ter sido nomeada como Boa e Xenerosa e di que este é un premio especial non só por recibilo na súa terra, senón «porque o mellor que a un lle poden dicir é que é boa persoa», sobre todo «cando unha está collendo un pouco o complexo de rebelde». Agradece que, precisamente por ser defensora da xustiza social, sexa considera boa persoa: «Para min é máis importante que calquera recoñecemento musical». Sobre todo, cre, cando se está a vivir «nun momento no que hai moita criminalización ideolóxica, con activistas sociais sendo encarcerados». «A igualdade a todos os niveis é o meu porqué para vivir», asegura. Sendo ela unha «resistente», ve terrible «que case nos están convencendo de que loitar por estas causas é terrorismo». «O Couto é para min exemplo do que máis admiro, a unión popular en prol da cultura. Admiro o traballo voluntario, por paixón, e que xente que leva tanto tempo subsistindo me recoñeza a min...», valora. Afirma que nunca se presenta a premios musicais e que os galardóns que a conseguen emocionar son os que veñen «dunha comunidade humana». Esta tarde estará a pé da Fundación e volverá o domingo coa súa banda. Faille ilusión tocar na mesma xornada ca Terbutalina e recomenda que ninguén se perda ás Tanxugueiras. 

ANA GARCIA

«Que un humorista gráfico estea aí dálle mérito ao oficio»

Dende Estremadura respondía onte ao teléfono o humorista gráfico Xaquín Marín (Ferrol, 1943). A chamada dende Radio Voz, dixo, insufloulle terra. Non poderá estar esta tarde no Couto para recoller o seu recoñecemento como Bo e Xeneroso, un premio do que, en todo caso, segundo confesou, non se sente «merecente». Recibiu o nomeamento cando menos «estrañado» porque non se considera portador do cualificativo, «mais tampouco quero desmerecer a quen o decide», ri. Contento, en todo caso, e consciente de que cada eloxio a un ou ao seu traballo é tamén unha responsabilidade que se vai amoreando. A relación de Xaquín Marín coa Fundación Pondal vén xa de lonxe e mesmo lembra ter feito un proxecto para un mural que finalmente non se levou a cabo. Máis recentemente, tivo participado no programa das Festiletras. Sobre os seus compañeiros de premio desta tarde, Marilar Aleixandre, Sés e Quico Cadaval, si os considera ben merecedores do nome. Bos e Xenerosos. Non obstante, hai algo que a Marín, máis alá do que para el supón, lle parece certamente interesante nesta concesión da Fundación Pondal: «Gústame polo oficio. Que un humorista gráfico estea aí, entre esa xente, dálle mérito ao traballo e á xente que se dedica ao humorismo gráfico, que ademais está un pouco perseguido agora. Estanse perdendo postos de traballo e parece que aos medios non lle interesan, será por críticos», reivindica.

BASILIO BELLO

«Boas e Xenerosas son as xentes do Couto»

Sen deixar a súa sorna habitual, o contador, actor e director teatral Quico Cadaval (Ribeira, 1960) pregúntase polo motivo de ser nomeado Bo e Xeneroso: «Supoño que procede da desinformación que o xurado ten de min...», ri. Explora acepcións -como a de «pagar quintos», mesmamente-, pero cre que, de ser certa a consideración no seu caso, o significado máis axustado a el pasaría por ser o tipo de «bo e xeneroso» que define a letra do Himno Galego: o contrario de férido, duro, imbécil e escuro. «Bos e Xenerosos sono, en realidade, as xentes do Couto, as de Monte Branco... Aí si que hai persoas que están dando o seu tempo, e iso si que é xenerosidade», engade. Afirma que, de haber en todas as aldeas de Galicia a actividade do Couto, non faría falta Día das Letras Galegas. Mais faino. Xa vén de moi atrás a relación e a colaboración de Quico con esta aldea: «Ao principio, cando te chaman, ti quedas sorprendido, porque un quere actuar nas capitais nada máis...», ironiza para afirmar que, ao seu xuízo, as capitais son «móbiles»: «A capital é onde están as cabezas». Pregúntase como pode ser que o sitúen nesta aldea ao lado de persoas tan importantes e cre que os outros tres galardoados deste ano son unha magnífica combinación de humor e pensamento crítico, exemplo da posesión de ambas as calidades. Quico estará esta tarde na Fundación Pondal para recoller un premio que entende, en definitiva, como un cariño.