Os mesmos pedestais

La Voz

PONTECESO

03 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Son as catro da mañá. A casa retumba como se a terra comezase a resquebraxarse por todos os lados. Aperto os dentes, impotente, por non poder «meterlle o dente» a quen o merece neste intre. Se me deixase levar polo aborrecemento que me xera o retumbar da casa por culpa da discoteca móbil de seguro que comezaba eu mesmo neste mesmo minuto a terceira guerra mundial. Vou ao ordenador e póñome a ler a nova Lei de espectáculos a ver se atopo algo que me defenda deste atropelo. Indago nela esperando un libro de instrucións que me guíe na defensa propia ou un simple teléfono que, polo menos, me escoite e amaine estas ganas de rachar con todo e todos.

Poño un chándal, zapatillas e saio á rúa a ollar as hordas desfogándose ao son dunha música ou ruído ¿quen sabe?, non me decanto ben en que grupo enmarcala... ruído… Si, seguro; os Deep Purple soarían como Mozart neste momento. A primeira imaxe, una restra de mozos «evacuando» ao longo do río, e un par de mozas escoltadas por cabaleiros están co cu ao aire «movendo o ventre» de par do monólito a Pondal e ignorando un cartel que anuncia que «os donos dos cans serán multados se non recollen os excrementos das mascotas». Neste punto, decátome que as diferenzas de localización dos pantalóns á hora de desprenderse dos residuos, fan que siga padecendo o mal do sexismo ou machismo. Toda a imaxe é moi poética e moderna. Miro directamente cara ao punto máis habitado por metro cadrado neste momento en Galicia; e advirto o protexidos que están polos «tótems» nesta noite: unha discoteca móbil, a taberna e un tellado por se chove. Aquel «se chove que chova» xa non é o que era; require moito sacrificio e nin sequera está de moda. Calculo aproximadamente as idades dos clientes desta improvisada festa e imaxínome que, de seguro, hainos de 15 anos, e supoño que na taberna non colgaron o dereito de admisión. Son as cinco da mañá: Menos mal que desafoguei un pouco o xenio e boteino fóra aos resoplidos. Sospeito que chegaremos ás seis da mañá co mesmo ruído e rebentarei de novo.

Ao final, lémbrome da frase do concelleiro de obras e espectáculos na «moderna e reinventada» festa de Semana Santa: «Obxectivo cumprido», vivan as festas! E remítoo, lúdica e moralmente, a unha evacuación na que non se perciban tanto as vergoñas e intereses propios. Paco Cotelo. Ponteceso