O tren das primeiras experiencias: coa Fundación Pondal a Padrón

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

PONTECESO

A entidade pontecesá estreitou lazos con outra Fundación do Rexurdimento, a Rosalía de Castro

29 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

As primeiras veces son sempre viaxes entrañables. E para algúns dos que onte acudiron dende O Couto ata Padrón coa Fundación Pondal, foino. Probaron a subir nun tren, dende Santiago, e unha vez chegados acudiron andando á Casa de Rosalía de Castro. Tiveron, conta o presidente da Fundación pontecesá, Lois García Carballido, un guía de excepción: Anxo Angueira, o seu homólogo na fundación padronesa. En dous grupos percorreron a morada, con explicacións amenas e sentidas, e gozaron das interpretacións e dos poemas na memoria da escritora cos alumnos da Universidade Rural e, tamén, coas poetas locais Carmen Eiroa e Matilde Vilariño, que compuxeron versos propios. Un acto cargado de simbolismo no que lles foi entregada á delegación pontecesá unha planta da figueira de Rosalía. O futuro mesmo.

Achegáronse logo ata a Pementeira, primeiro á beira do río Ulla e máis tarde á nave na que elaboran produtos tales como a marmelada de pemento. Coñeceron a historia da cooperativa. Tralo xantar, quedaría a visita por Padrón e o achegamento á Fundación Cela. Como xa se tivera feito con Celanova, onte reforzáronse lazos coa capital da comarca do Sar. O tren xa deixou de ser aquilo que só levaba á guerra ou á emigración. Foi unha primeira vez que han lembrar.