O Couto acollerá en maio a primeira feira científica da Costa da Morte

Marta López CARBALLO / LA VOZ

PONTECESO

Ana Garcia

Celebrarase durante dúas xornadas consecutivas, paralelamente ás Festiletras

17 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O 17 de maio é un día para sentir as letras en Galicia. Esta data estivo sempre asociada ás artes, aínda que poucos son sabedores de que tamén é o Día de Internet en multitude de países do mundo. A Fundación Española para la Ciencia y la Tenología vén de garantir á Fundación Pondal a celebración dunha feira científica que terá lugar en Ponteceso paralelamente ás Festiletras. Dende a Fundación, fieis defensores de que non existe tal liña divisoria entre letras e tecnoloxía, chaman á participación non só de estudantes, senón tamén do público xeral. Así, a aldea do Couto converterase durante uns días na capital do coñecemento da Costa da Morte pois, mentres artistas como Ses, Txarango ou Feten Feten fan o seu no marco das Festiletras, ducias de rapaces amosarán ao mundo os seus proxectos do eido científico.

O 17, primeira xornada de feira e día internacional de Internet, estará dedicado a actividades de divulgación científica e tecnolóxica. Algúns dos espazos xa confirmados son a gravación do programa de radio Efervescencia, un referente na comunidade en materia científica; un workshop sobre ciencia cidadá; un xeocoaching tecnolóxico; unha xornada de observación de estrelas (sempre e cando o tempo o permita) ou unha xincana nocturna na que os participantes buscarán elementos da táboa periódica ocultos en diferentes puntos do pobo.

A seguinte xornada, a do día 18, terá xa o clásico formato ligado ás feiras das ciencias: unha gran carpa que acollerá proxectos do alumnado, que serán despois valorados tanto polo público como por un xurado profesional. A feira estará aberta mañá e tarde (en principio de 10.00 a 14.00 e de 15.30 a 18.30 horas), tanto a público escolar como familiar, para despois celebrarse a entrega de premios ás 19.00.

Arredor desta feira, e no horario de apertura da mesma, pivotarán diferentes obradoiros para os centros escolares que acudan á cita. Serán un taller científico sobre o mar organizado polo CSIC, experimentos científicos aparentemente máxicos, construción e programación de robots Lego Mindstorms e un obradoiro de investigación CSI. Tamén se prevén visitas guiadas á praia de Balarés para a realización dunha actividade ligada á súa historia industrial pola presenza de titanio nas súas areas. Un café científico e espectáculos que ofrecen unha aproximación á música dende unha perspectiva interdisciplinar completan o programa inicial previsto para ese segundo día de feira.

Á hora de poñer en funcionamento o proxecto Festiciencia, unha idea que vén desenvolvéndose dende varios meses atrás, a Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología vén de conceder á Fundación Pondal, coordinadora e responsable última da iniciativa, unha axuda de 15.000 euros que se dividen entre gastos de persoal (2.000) e gastos de execución (13.000). «É a primeira vez que se nos concede algo así», expresaba onte Xosé María Varela, xerente da Fundación e responsable do proxecto, que se amosaba ademais ilusionado por poder poñer en marcha unha cita que pretende rachar con esa liña divisoria inexistente entre as ciencias e as letras. «Ao final todo é coñecemento», engadía.

Colaboran, ademais dos municipios limítrofes, o CSIC, a Deputación da Coruña e a empresa Ceo Aberto, que actuará como asesora científica da iniciativa. Ademais, indicaba onte Varela, tamén se prevé a celebración dun obradoiro sobre a vida e obra do científico cormelán José María Mosqueira Manso, precisamente no 50 aniversario do seu pasamento. Será o día 18 e estará conducido pola compañía teatral Os Quinquilláns, veteranos xa neste tipo de citas educativas.

Primeira aproximación ao programa

Día 17

Programa Efervescencia. A Fundación Pondal acollerá a gravación deste espazo, decano da divulgación científica en España.

Ciencia cidadá. José Viñas amosará como crear unha aplicación de ciencia cidadá e as súas posibilidades como ferramenta educativa.

Historia da ciencia. Espectáculo en formato charla no que David Ballesteros falará dos inventos e descubrimentos que melloraron a calidade de vida da poboación.

Xeocoaching. Actividade similar a unha busca do tesouro na que os participantes poñerán a proba os seus coñecementos.

Yayotech. Voluntarios ofrecerán nocións a quen o desexe sobre o manexo dos teléfonos móbiles.

A morte ca ciencia! Atrevidas actividades nocturnas pola zona.

Láser graffiti. Con música e proxeccións visitarán os concellos implicados no proxecto e levarán a cabo graffitis dixitais sobre fachadas de edificios.

Observación de estrelas. Só se o tempo o permite.

Ciencia para insomnes. Os participantes buscarán elementos da táboa periódica polo pobo nunha xincana nocturna.

Día 18

Feira. Quen así o desexe poderá visitar os proxectos dos alumnos participantes na carpa da feira, que estará aberta o día 18 mañá e tarde (10 a 14 e 15.30 a 18.30 horas). Ademais, o público poderá votar polo seu experimento preferido a través da aplicación Epicollect5. Premios ás 19 horas.

Obradoiros paralelos. Os rapaces participarán, ademais, en talleres ao longo da mañá.

Visita a Balarés. Actividade ligada á historia industrial da zona.

Café científico. Charla informal cun científico de renome.

Espectáculos científico-artísticos. Aproximación á música dende unha perspectiva interdisciplinar.