O liderado directivo non se impón, gáñase

María Teresa Varela Abelenda

PONTECESO

Ana Garcia

«(...) Teño que recoñecer que ao principio o reto me resultou impoñente (...)». Escribe María Teresa Varela, directora do instituto Eduardo Pondal de Ponteceso

15 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Na aldea na que nacín xa non vive ninguén. No lugar da parrocha, na parroquia de san Xoán do Esto, en Cabana, tampouco é que vivise moita xente cando marchei a Alemaña, a finais do sesenta. Da cidade de Cuxhaven, na desembocadura do río Elba e non moi lonxe de Hamburgo, recordo a escola de primeiras letras e a neve, moita neve. Era e é unha cidade vinculada á pesca e ao tráfico marítimo, o tipo de lugar ao que tantos galegos emigraron para gañar o pan. Por sorte, non pasei alí moito tempo, só dos catro aos sete anos, xa que meus pais decidiran regresar para abrir un negocio de hostalería no centro mesmo de Ponteceso.

Dificultades

Non foi nada fácil sacar adiante os estudos, pois había que compaxinar as tarefas académicas coa axuda na casa e no negocio familiar. Foi aquí onde descubrín, grazas á miña nai, a cociña, unha das miñas afeccións, pero tamén padecín en primeira persoa os sacrificios do traballo na hostalería. De feito, pensara dedicarme profesionalmente a ela, pero optei polas matemáticas porque tamén me gustaban moito. Animoume don Antonio Platero, mestre en Ponteceso e recentemente xubilado como docente no instituto. Velaí o paso do tempo: de mestre meu pasou a compañeiro de claustro e a mestre do meu fillo. No meu paso pola universidade coñecín a futuros colegas de profesión, como Manola Ures, que hoxe é tamén profesora de matemáticas e, ademais, paisana miña, pois naceu en Cardezo, unha aldeíña de Corcoesto. E a esixencia de estudar e traballar levoume a desfalecer nalgún momento, de xeito irreversible nunha ocasión, pero daquela tiña un anxo da garda: Javier Carballeira, un veterinario -hoxe inspector de sanidade- que traballaba en Ponteceso e ao que nunca lle agradecerei bastante o terme animado e obrigado a non abandonar. Se el non estivese alí…

Dirección

Moitos quilómetros percorrín, como tantos docentes, antes de chegar ao que considero o meu destino final. Traballei nas catro provincias galegas: de Tui a Ferrol, de Lugo a Cambados. En Ribadavia, Baio e Cabana fixen amizades que conservo e cultivo con esmero e coñecín ao que hoxe é meu marido. Xa en Ponteceso (por fin!), incorporeime ao equipo directivo de Manolo Varela, como secretaria, unha función na que me sentía bastante cómoda xa que, á fin de contas, consistía en traballar con números e en cadrar contas, á parte doutras moitas responsabilidades burocráticas. E coa marcha de Manolo á Coruña quixo o destino (máis ben o inspector, Elisardo López) que tivese que asumir a dirección.

«A responsabilidade sobre os bens dun centro non é asunto menor, pero hai outra aínda maior: educar»

Teño que recoñecer que ao principio o reto me resultou impoñente, pero penso que na vida determinadas experiencias hai que tomalas como unha aprendizaxe e, por tanto, unha aportación positiva para ti. Non é fácil expresar con palabras a sensación de saber que algo tan importante como a educación de centos de mozos e o exercicio profesional de ducias de docentes dependen en gran medida das cinco persoas que te acompañan no día a día: Esteban, Paula, María Jesús e Teresa e, como non, Valentín, excelente coñecedor dos matices administrativos. Aínda que a instancia última é a directora, dirixir un centro é unha tarefa de equipo.

A responsabilidade sobre os bens materiais e tanxibles dun centro educativo non é asunto menor; pero hai unha responsabilidade aínda maior: educar. Sen esquecer, claro está, a necesidade de manter unha relación fluída cos vértices da comunidade escolar: alumnado, profesorado, pais e persoal non docente. Se estes colectivos non asumen a súa responsabilidade, non hai fórmula máxica que sirva e a función educativa reséntese, sen dúbida. Non hai queixa: non falta o apoio do claustro, os pais implícanse e o alumnado responde ben. Aínda así, exercer a dirección é unha carreira de fondo! Non se trata tanto de mandar como de motivar. A clave é liderar, e o liderado directivo non se impón, gáñase. Non é cousa de vencer, senón de convencer. Niso estamos…

DNI. María Teresa Varela Abelenda. Naceu no lugar cabanés da Parrocha, na parroquia do Esto. Estudou a licenciatura de matemáticas en Santiago, e está a piques de rematar un grao superior de informática (DAM). Desde este curso, dirixe o instituto Eduardo Pondal de Ponteceso, que vén de celebrar o seu cambio de nome no Ano Pondaliano, no que se conmemorou o centenario da morte do poeta Pondal (2017).