«A miña muller chegoume a dicir que escollera entre ela e o fútbol»

Antonio Longueira Vidal
Toni Longueira CARBALLO / LA VOZ

PONTECESO

ANA GARCÍA

O organizador do torneo desde os seus inicios (tempada 2003-2004), leva fichas e seguros de 610 xogadores

06 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

«Para levar todo isto ao día hai que ter tempo, paciencia, dedicación e ser rigoroso». Modesto Parga Costa (Ponteceso, 1955) goza dunha máis que merecida xubilación despois de tantos anos traballando no eido da construción. A súa paixón sempre foi o fútbol. Xogou no Ponteceso cinco tempadas, pero, como outros moitos galegos, tivo que facer as maletas e marchar a Suíza. En concreto para Berna, onde traballou 18 anos. Madridista confeso, sinte tamén as cores do Deportivo «por aquilo que é o equipo da terra» e do Young Boys helvético. E entre Messi e Cristiano Ronaldo, Modesto Parga teno claro: «Messi é un grandísimo xogador, pero Cristiano é o máximo, e como exemplo o gol de chilena doutro día».

-¿Como xurdiu a idea de montar unha liga de fútbol veterano na Costa da Morte?

-Estabamos un día Fernando Couto García [que ten unha asesoría en Malpica] e máis e plantexamos facer unha liguiña. De feito, antes de comezar o campionato había xa partidos de veteranos na zona, onde os xogadores locais ofrecían aos visitantes un vermú ou un viño, empanada ou unha tapa de tortilla. Era unha forma de mesturar deporte e amizade.

-¿E así naceu a liga?

-Si, con oito equipos participantes, entre eles o Malpica, Ponteceso, Nantón, Deportivo Carballo e o Corme. Era a tempada 2003-2004.

-Pero a cousa foi medrando...

-Si, chegamos a ter máis de 700 xogadores e 31 equipos participantes. Este ano temos 610 xogadores, 20 árbitros e 30 equipos.

-¿E como leva a conta de todo?

-Teño un par de persoas que me axudan, e tamén a muller, que me axuda a pasar as actas dos partidos. Pero si, é moi laborioso, porque hai que levar a conta dos xogadores, das fichas, sas sancións, dos goleadores, dos porteiros menos batidos, organizar torneos, os seguros... Son moitas cousas.

-¿E a súa muller que lle di?

-Lembro cando eramos novos. Chegoume dicir que escollera entre ela e o fútbol.

-Polo que se ve, ela perdeu.

-Eramos novos e eu contesteille: ‘Carmiña, xa me coñeciches así, co fútbol ¿Por que imos cambiar agora?’ E ata hoxe. Podo dicir que me axuda en moitas cousas, sobre todo, cando se trata de organizar torneos. Aínda que non é moi futboleira coma min.

-¿Pensa xa no relevo xeracional?

-Gústame o que fago, non penso niso. Sempre me gustou, incluso de mozo. Xoguei ao fútbol e tamén fun árbitro.

-¿Que é mellor dar patadas a un balón ou dirixir un partido?

-Creo que o labor dun colexiado non está ben valorado. Só cando fuches xogador podes entender algunhas decisións. Eu teño un gran respecto polos árbitros porque teñen que tomar decisións importantes en poucos segundos.

-¿E como xogador?

-Xogaba de lateral dereito e central.

-¿Como definiría a súa etapa en Suíza?

-Moi boa. Estando en Berna decidín crear a Liga dos Emigrantes Españois. Chegamos a xuntar vinte equipos de varios cantóns. Pasábao moi ben organizando torneos. Sempre me gustou facelo, por iso en canto puiden, fixen o mesmo aquí.

-Defíname un perfil de xogador da Liga da Costa.

-Hai de todo, xogadores desde 31 ata os 50-55 anos. As únicas condicións que poñemos para participar é que sexan maiores de 30 anos e non estean federados.

-¿E os maiores quebradeiros de cabeza?

-Os seguros. Hai que pelexar por garantir a seguridade. Agora andamos liados porque as compañías non queren asegurar aos que teñen máis de 65 anos.

-¿Pero ten algún caso destas características?

-Si. Manuel Fariña Facal. É todo un referente para nós. O seu compromiso é un exemplo para os demais. Tivo que deixar de xogar porque non había ningún seguro que o cubrise. Agora atopei unha compañía que está disposta a darlle o alta e espero que regrese con nós porque a verdade é que é un deportista nato e un modelo para os máis mozos da liga de veteranos.