Os Bos e Xenerosos do Couto van a máis

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

PONTECESO

Jose Manuel Casal

Sés, Marilar Aleixandre, Xaquín Marín e Quico Cadaval, galardoados pola Fundación Pondal

18 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A Fundación Eduardo Pondal, con sede na aldea do Couto, en Ponteceso, deu a coñecer onte os nomes das persoas elixidas para concederlles, neste 2018, os Premios Bos e Xenerosos. Así, a cantautora María Xosé Silvar, Sés; o humorista gráfico, debuxante e ilustrador Xaquín Marín; o contador de historias, actor e director teatral Quico Cadaval, e a escritora e académica Marilar Aleixandre son os merecedores desta nova remesa de galardóns, que recoñecen non só a súa traxectoria propia, senón a súa contribución ao engrandecemento e espallamento da cultura galega, cada un deles no seu eido. Será esta, ademais, unha edición especial, en tanto que os Bos e Xenerosos cumprirán dez anos, dende que empezaron a outorgarse aló polo 2009, sendo os merecedores iniciais Isaac Díaz Pardo, Anisia Miranda e Xosé Neira Vilas. Logo virían moitos outros nomes.

CESAR TOIMIL

O vencello de Xaquín Marín coa Fundación Pondal vén de lonxe. El mesmo foi o autor de dous carteis festivos, un para a mostra de artesanía e outro máis para unhas Festiletras, aló polos anos 90.

MARCOS RODRIGUEZ

Marilar Aleixandre aínda ten visitado non hai moito a lareira do Couto, por unha homenaxe a Asunción Antelo, Rexoubeira de Bergantiños. Sempre presta para a colaboración, ten en Toba (Cee) un dos seus núcleos vitais. Escritora, ingresou na Real Academia Galega o pasado 2017.

MARTINA MISER

Quico Cadaval, pola súa banda, é un home da casa. Cumpre ese perfil de bo e xeneroso, «unha persoa autenticamente entrañable para nós», contan dende a Fundación Pondal. Non é alleo ás Festiletras nin a outras citas nas terras do bardo, poñendo moito da súa parte para que así sexa. Por lazos persoais e profesionais, María Xosé Silvar, Sés, tamén é ben admirada e coñecida no Couto, onde aínda se lembran concertos recentes con todas as cadeiras ocupadas. Con ligazóns a Bergantiños, ao movemento de empoderamento das mulleres e, como non, ás labregas bergantiñás, ela é outra das galardoadas deste ano 2018.

O acto de entrega de premios está previsto para o vindeiro 16 de maio, das 20.00 horas en adiante. Quedan dous meses.