Unha pequena enciclopedia sobre as parroquias pontecesás de Langueirón e Xornes

La Voz CARBALLO / LA VOZ

PONTECESO

ANA GARCIA

O caderno número 19 do Instituto de Estudos Bergantiñáns recolle información moi diversa destes dous núcleos: o sábado farase una ruta

14 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Vén de acoller Xornes a presentación do caderniño número 19 do Instituto de Estudos Bergantiñáns (IEB), unha nova publicación dentro desa serie que a entidade ten denominado Andando por Bergantiños e que, desta volta, correspondendo ás parroquias de Langueirón e Xornes, foi publicado polo Concello de Ponteceso. Foi cálida a acollida destas case 60 páxinas asinadas por Xosé Antón Andrade Figueiras, Fernando Cabeza Quiles, Evaristo Domínguez Rial -quen tamén se ocupou da maquetación-, Xan X. Fernández Carrera, Antón García Losada e mais Luís A. Giadás Álvarez. A igrexa de Xornes e o retablo da Anunciación da igrexa de Langueirón son as imaxes que ilustran a portada deste caderno, que eleva así a 39 as parroquias polas que o IEB leva camiñando con esta serie nos 19 anos -os mesmos que números van- que atesoura a entidade dedicada ao coñecemento e divulgación do fértil territorio da comarca.

«A elaboración de cada un destes caderniños pasa por unha ou varias visitas de campo ás parroquias que son obxecto de estudo», cóntase no limiar da obra. Non é unha obriga, indican, senón que as citas acaban devindo paseos pracenteiros de convivencia e amizade. Estas publicacións do Instituto de Estudos Bergantiñáns permiten un acceso doado e completo a múltiples perspectivas das parroquias analizadas. Tal é caso deste número, no que un pode coñecer de Langueirón e Xornes o seu marco xeográfico, o seu contexto xeolóxico, o seu relevo, clima, solos e vexetación, a súa demografía, toponimia, os seus aspectos económicos dende unha perspectiva histórica e tamén actual, a súa evolución ao longo do tempo... Tamén o seu patrimonio, con paradas especiais no Pazo de Sergude, no Pazo da Fonte, no de Ardabón, no da Vitureira... ¿Como figuraban Xornes e Langueirón no Catastro de Ensenada? Tamén iso se conta. Hai neste caderno moitas interesantes detencións para o lector: Pontedona e a caída do avión británico, Santa Mariña, Ponte Xabarido e as minas de ouro de Corcoesto, o Pazo da Vitureira, a igrexa de San Xiao de Langueirón, a igrexa de San Xoán de Xornes ou o Pazo de Sergude.

Ruta, este sábado 17

Logo da presentación do caderno o pasado domingo, o Instituto de Estudos Bergantiñáns ten previsto para este vindeiro sábado unha ruta por varios lugares dos mencionados. A saída está fixada para as 9.00, na parte de arriba da Praza do Concello de Ponteceso. Aqueles que se anotasen gozarán asemade do xantar en Casa Mosqueira.