Fecundo labor literario para estudantes

La Voz

PONTECESO

BASILIO BELLO

Manuel Ferreiro, Marta Barca e Félix Neira presentan os seus traballos sobre Eduardo Pondal

12 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A vida e a obra de Eduardo Pondal continúan sendo un longo eido no que seguir cultivando as ciencias e as artes. Unha mostra é o acto previsto para hoxe no instituto de Ponteceso, onde serán presentados os catro últimos libros motivados na riqueza biográfica e poética do bardo bergantiñán, baixo o título As Publicacións do Centenario. Comezará ás 12.00 horas cunha visita a un mural no que se pintou un trazo do poema Ponteceso. A obra é de varios profesores. A vicepresidenta da Deputación, o director do CFR e os responsables dos centros educativos do municipio e presidente da ANPA, ademais do alcalde e o concelleiro de Cultura, así como a comunidade escolar.

Os asistentes verán o vídeo divulgativo sobre Eduardo Pondal, elaborado por Asubío Medio, que tantas loas está alcanzando. Ramón Pombo dará explicacións de como se fixo. Tamén serán presentados os tres libros de Manuel Ferreiro sobre a vida e a obra do poeta: Os cantos eran da Patria, Esta é a terra dos eidos amigos e Eduardo Pondal, o cantor do eido noso. Ademais, Marta Barca exporá as súas ideas sobre a unidade didáctica promovida para educación infantil durante o centenario. E logo tamén será dada a coñecer a última novidade editorial sobre o autor do himno galego: A outra maleta de Pondal. Un volume cos poemas pondalianos en castelán recompilados polo profesor Félix Neira. A primeira presentación na bisbarra deste libro.

Mil primavera

As actividades da fundación pontecesá non rematarán co acto de hoxe. O día 24 haberá unha nova sesión de regueifa, ás cinco da tarde na lareira da vella reitoral de Cospindo. Estará presente o representante do Servizo de Normalización Lingüística da Xunta, que financia os obradoiros de improvisación oral. O 26,27 e 28, tamén deste mes, desenvolverase un campamento literario na Coruña. Colaboran nesta iniciativa para nenos Andrés Eirís, Leticia Recarey, Paula Blanco, Uxía Varela e Laura Romar.

En abril está previsto o programa Mil primaveras con varios desprazamentos a conta do Concello de Ponteceso. Así , o día 5, alumnado do colexio As Forcadas de Corme visitará o buque oceanográfico Sarmiento de Gamboa e o Museo do Mar de Vigo. Asistirá o director do CSIC. O 7 haberá unha excursión guiada a Celanova, Onde o mundo se chama Celanova. O 12, Meiga cibdá. Roteiro pondaliano na Coruña. O 28, visita á Casa de Rosalía, con recital.

Maio será o mes das Festiletras, entre o 16 e o 20, coa entrega dos Bos e Xenerosos, Festiletras, Festiciencias e Universidade Rural, Aldeas Singulares e Literatas e Feira de Artesanía. A Fundación tamén promove o Día do Himno e máis o certame de pintura.